Fragmentación irregular e separación de proxectos eólicos

A doutrina do Tribunal Supremo arredor da Sentenza nº 316/2025 deixa claro que existirá unha fragmentación fraudulenta cando a proba demostre que se tentou evitar unha avaliación ambiental completa e integrada de todos os efectos que acumulativamente van xerar o conxunto dos parques individualmente fragmentados

Imagen de archivo de un parque eólico de Iberdrola / Iberdrola

Imagen de archivo de un parque eólico de Iberdrola / Iberdrola

No pasado 21 de marzo de 2025, a Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Quinta, doTribunal Supremo, resolveu e estimou o recurso de casación interposto pola Xunta de Galicia e a promotora dos parques eólicos Campelo, Monte Toural e Bustelo, declarados nulos pola Sentenza de 26 de maio de 2023, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sección Terceira. A razón fundamental desta nulidade fora a indebida fragmentación do que debía ser entendido como un único proxecto eólico, por careceren cada un dos tres parques citados da necesaria autonomía funcional ao compartir estruturas e conexións que os convertían en interdependentes. E isto tería como consecuencia directa a imposibilidade dunha avaliación ambiental integral do proxecto. Pois diante desta interpretación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Alto Tribunal na sentenza nº316/2025 ven de fixar a súa doutrina: por unha banda, sobre a consideración unitaria dos parques eólicos e, por outra, sobre a relevancia xurídica do carácter unitario desde a perspectiva medioambiental.

A fragmentación material dos proxectos eólicos será indebida ao impidir ter en conta os efectos completos dos mesmos desde a perspectiva medioambiental, ficando excluída desta avaliación o mero estudo de efectos acumulativos e sinérxicos.

Se ben a sentenza analizada tamén aborda máis dúas cuestións casacionais –unha, relativa á posibilidade da redución do prazo do trámite de información pública e, outra, relativa ao momento procesual para recabar os informes sectoriais-, interesa agora sinalarmos dous aspectos fundamentais do concepto de fragmentación artificiosa deliñado polo Tribunal Supremo. O primeiro é pormos de manifesto que a consideración unitaria dos proxectos eólicos é un eixo esencial para analizar a compartición de infraestruturas e conexión dos parques obxecto de recurso. Reiterándose, entón, na súa propia xurisprudencia -entre outras, Sentenza do Tribunal Supremo de 20 de abril de 2006, de 16 de outubro de 2015, de 30 de marzo de 2017-, censura o tratamento separado dos elementos e das instalacións necesarias para o funcionamento do proxecto eólico, en canto artificialmente produza unha “alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias medioambientais”. Así, a fragmentación material dos proxectos eólicos será indebida ao impidir ter en conta os efectos completos dos mesmos desde a perspectiva medioambiental, ficando excluída desta avaliación o mero estudo de efectos acumulativos e sinérxicos.

Derivado disto, destacamos un segundo aspecto que introduce unha fulcral observación. O feito de compartir determinados elementos, non debe levar, porén, á conclusión de que exista sempre unha fragmentación artificiosa do que tería que ser un único parque eólico. A fragmentación formal de parques eólicos que comparten instalacións de conexión que responda a un uso racional das posibilidades de explotación de parques eólicos próximos, ou mesmo limite o impacto ambiental deste tipo de instalacións ao evitar duplicidades, non sería contraria a dereito. Esta sería, pois, a excepción á consideración unitaria dos proxectos eólicos: a tramitación por separado de diferentes parques eólicos, localizados nunha mesma área xeográfica e ligados entre si por determinados elementos estruturais, sen atentar contra a súa autonomía funcional. Pola contra, esta ficaría desvirtuada cando concorra unha decisión destinada a obter un resultado fraudulento a medio da fragmentación artificiosa dun proxecto único.

Así sendo, o carácter unitario do proxecto e, con el, a eventual fragmentación material en varios parques eólicos opera como regra, e só cabe a excepción, cando fique acreditado, caso por caso, que con esta tramitación separada non se impediu unha avaliación ambiental completa, conxunta e integral. Polo que serán os factores concorrentes e especificidades do caso concreto o que o determine se estamos diante dunha fragmentación formal e non artificiosa.

En conclusión, podemos afirmar con base na devandita doutrina do Tribunal Supremo, en primeiro termo, que corresponde á promotora e á Xunta de Galicia probar que non existiu unha vontade fraudulenta para evitar unha avaliación ambiental completa, conxunta e integral. E, en segundo termo, cabe sinalar que non estamos diante dunha cuestión de interpretación xurídica do concepto de fragmentación, senón, fundamentalmente, ante unha cuestión de proba. O que obriga a unha resolución individualizada de cada un dos recursos interpostos, avaliando en cada caso a magnitude real dos impactos medioambientais, culturais, sociais e económicos sobre un territorio e a súa poboación, para verificarmos a súa conformidade a dereito.

É dicir, existirá unha fragmentación fraudulenta cando a proba demostre que se tentou evitar unha avaliación ambiental completa e integrada de todos os efectos que acumulativamente van xerar o conxunto dos parques individualmente fragmentados.

Post Scriptum: De forma simultánea á publicación desta entrada, a mesma Sección Quinta, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, deu a coñecer un Auto relativo ao parque eólico Moeche de 2 de abril de 2025, en que se ratifica a tese sostida no presente artigo. Esta resolución -se ben non é unha sentenza, senón un auto na peza de medidas cautelares- fronte á fragmentación irregular alegada pola recorrente, entende, con base na sentenza de 21 de marzo, que será o estudo profundo e contraditorio das particulares circunstancias concorrentes o que determine a súa conformidade a dereito.

Non entanto, “non ocorre o mesmo” coa devaluación da valoración ambiental, na medida en que a separación en varios parques impediu levar en conta as afeccións de proxectos eólicos próximos, resultando a súa avaliación insuficiente e ocasionando, con iso, prexuízos medioambientais irreversibles. Para o Alto Tribunal, “a necesidade do estudo dos efectos acumulativos e sinérxicos con outros parques existentes ou proxectados é unha exixencia legal” ineludible.

En definitiva, o que nos vén dicir, como se sostén aquí é: a) por unha banda, a determinación da validez da fragmentación é unha cuestión de proba, b) e por outra, o esencial ao respecto é acreditar a suficiencia, ou non, da avaliación ambiental completa e integrada do conxunto dos parques interligados.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deja una respuesta