Actualizado
Fala o mundo académico: o proxecto de ED Galicia “crea certa conciencia no empresariado”
Miguel Ángel Vázquez Taín, María Bastida e Venancio Salcines valoran o Atlas Galego da Empresa Comprometida como proxecto de continuidade que permite analizar a evolución das compañías e delimitar novas liñas de desenvolvemento
O Atlas Galego da Empresa Comprometida aproba con nota entre os representantes do mundo académico que asistiron este mércores á presentación da cuarta edición do proxecto. Entre outros aspectos, destacaron a súa utilidade, non só para avaliar o percorrido das empresas, senón tamén para axudar a definir estratexias de futuro.
Venancio Salcines, presidente do consello de goberno do Centro de Estudos Universitarios Superiores de Galicia (Cesuga) e presidente do grupo educativo EF Business School, define o Atlas como unha “ferramenta totalmente interesante que ofrece información que antes non existía”.
“Trátase dun proxecto que nos aporta moito coñecemento para pensar as estratexias ou liñas de desenvolvemento a seguir”, subliñou. Ademáis, serve coma punto de inflexión ao revelar “moitos temas sobre os que reflexionar”.
“As veces movémonos tan rápido no mundo empresarial, sempre pensando en cuestións de custos ou de venda de produtos, que non sempre reflexionamos. Neste senso, o Atlas cumpre coa tarefa de xerar certa conciencia no tecido empresarial galego”. Sobre os resultados, Salcines destacou que “dan unha imaxe moi positiva tanto de Galicia como do noso empresariado”.
Valor engadido para as empresas
Pola súa banda, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Bastida destaca que se trata “dun proxecto que mostra o interese das empresas por comprobar e demostrar os seus resultados”. “Quizais agora non o vemos, pero estes resultados tamén teñen valor, é dicir, nalgún momento iso vai transcender á sociedade, algo que supón un valor engadido para as empresas”, subliñou.
Bastida cre que as empresas que participan no Atlas fan “un auto-recoñecemento” que lles axuda a reflexionar. “Cando che preguntan por unha serie de parámetros, moitas veces decátaste das deficiencias ou das áreas que non estás cubrindo”.
Sobre os resultados, a profesora da USC defendeu que “todo parece ir mellor”, aínda que hai algúns aspectos nos que se precisa evolución, “como cuestións de igualdade ou de paridade ” . “Isto, obviamente, non é bo. Parece que temos todo avanzado, que temos todos os dereitos adquiridos. Quizais neste marco, cando vexamos un pouco o que é o medio natural e nos demos conta de que é un medio social, e que non é tanto a misión e a visión como a finalidade o que temos que buscar, se produzan máis melloras. ”
Unha valoración tamén positiva do proxecto de Economía Digital Galicia foi realizada por Miguel Ángel Vázquez Taín , presidente do Consello de Economistas de Galicia, quen cualifica de “encomiable” unha iniciativa con esta “tendencia de continuidade, que non só ofrece unha instantánea fixa da situación das empresas galegas, senón que tamén nos permite ver como evolucionan”.
Taín considera, en resposta ás conclusións do estudo, que existe “unha sensibilidade respecto das materias analizadas polas empresas galegas que se estende a todos os indicadores e áreas que se analizan ” . “En termos xerais, hai unha tendencia de mellora que é perfectamente consistente en todos os indicadores estudados no Atlas”.