Actualizado
Eleko, Kaleido e Hospitales Cosaga gañan a partida da igualdade no Atlas Galego da Empresa Comprometida
Congalsa, Optare Solutions e Darlim tamén obteñen a mellor valoración no apartado de persoas da nova edición do proxecto de Economía Digital Galicia
A evolución do persoal, o seu salario en función da suba de prezos, a paridade e igualdade no cadro de persoal, a atención ás discapacidades, ou a participación dos traballadores na toma de decisións da empresa, conforman un todo: as persoas . Esta é outra das categorías do Atlas Galego da Empresa Comprometida que chega á súa cuarta edición grazas a Economía Digital Galicia .
As persoas que integran cada organización son o colectivo directamente afectado polas políticas e a xestión da empresa. Ao mesmo tempo, son axentes activos destas políticas, “transformando a relación empresa-persoal nunha relación de sinerxía máis que de dependencia”, sinala o estudo na súa cuarta edición.
Máis integración
A integración é unha das variables que forma parte desta categoría e avalía a proporción de persoal con algún grao de discapacidade recoñecido, amáis de dispor da certificación que acredite a adaptación das instalacións da empresa a persoas con algún tipo de discapacidade, como a Certificación de accesibilidade UNE 170001 .
No tocante á Certificación de Accesibilidade UNE 170001, o Atlas indica que a posúen seis empresas, o 7,5% do total, o que segundo os autores non é unha mala cifra de terse en conta o pouco estendida que está esta acreditación. As empresas que o conseguiron son Sistemas Favensis, Progando, Terra de Asorei, Gadisa, Caetano Formula Galicia e Externa .
Pouco avance en igualdade
A inclusión da variable igualdade no Atlas demostra a aposta pola paridade, que implica recoñecer a diversidade como elemento fundamental para o éxito sostible dunha empresa. A impresión dos autores é que, comparando os datos das dúas últimas edicións do Atlas, as mulleres non gañaron espazo nos órganos de goberno das empresas. Tampouco semella que as políticas de igualdade gañaran terreo ao longo do ano anterior, o que contradí a tendencia observada nos Atlas de 2021 e 2022. As empresas que destacan no tratamento da igualdade nesta edición son Eleko, Kaleido Ideas & Logistics e Cosaga Hospitales.
Verbo da posesión do certificado ISO 45001, que garante que a empresa xestiona a seguridade e a saúde no traballo de forma estandarizada, a análise observa que o 47,5% das empresas dispoñen da acreditación, un número superior ao 40% da anterior edición do Atlas. As empresas con mellor puntuación nesta variable son R Cable, Terra de Asorei, Wind 1000, Gesuga e Francisco Cardama .
Empresas destacadas
En conxunto, valorando as cinco variables que determinan a categoría de persoas no Atlas Galego da Empresa Comprometida, as seguintes empresas obteñen o máximo de cinco estrelas: Congalsa, Kaleido Ideas & Logistics, Optare Solutions, Darlim e Eleko.
Tamén destacan as seguintes empresas que acadan catro estrelas nesta categoría de persoas: Plexus Tech, Alda Hotels, Grupo Servicio Móvil, Bodegas Martín Codax, Plaintec, Genesal Energy, Texas Controls, Uro Vehicidades Especiales, Altia e Mestrelab Research .