Actualizado
Así se constrúe o Atlas Galego da Empresa Comprometida
O proxecto impulsado por Economía Digital Galicia procura sentar as bases dun novo xeito de entender a relación das empresas coa súa contorna e coa sociedade galega
O Atlas Galego da Empresa Comprometida afronta a súa cuarta edición e reforza o compromiso de Economía Digital Galicia de diferenciarse dos informes recorrentes de Responsabilidade Social Corporativa e ir máis aló, para converterse nunha ferramenta útil na medición do compromiso corporativo conforme os requisitos da Directiva Europea sobre Informes de Sostibilidade Corporativa e Normas Europeas de Informes Sostibles.
Trátase dunha iniciativa que busca sentar as bases dunha nova forma de entender a relación das empresas coa súa contorna e coa sociedade galega. Baixo a coordinación de Julián Rodríguez, director de Economía Digital Galicia, co apoio do equipo de Virgilio Costas, director de desenvolvemento, e da redacción de Economía Digital, o proxecto conta con Marcelino Fernández Mallo como director técnico.
O Atlas Galego da Empresa Comprometida nace co convencemento de que as empresas xogan un papel fundamental na resolución colectiva dos retos que enfrentamos como sociedade. O proxecto eríxese como unha plataforma na que avaliar o xeito no que as empresas galegas respostan aos retos económicos e normativos e á necesidade de apostar pola sostibilidade.
Para a elaboración do Atlas realizouse unha selección das 20.000 principais empresas que teñen o seu enderezo social en Galicia, seguindo a base de datos de Ardán correspondente ao ano 2022. En total, remitiuse unha invitación para participar a máis de 1.100 empresas, as que se lle pediu que respostasen a unha enquisa sobre os temas analizados no Atlas. Finalmente, un total de oitenta colectivos empresariais aceptaron participar, nunha clara mostra de compromiso. Suman unha facturación global anual de 46.893 millóns de euros e 242.561 empregos directos .
As fases da elaboración do Atlas
A metodoloxía para a análise e medición do Atlas Galego da Empresa Comprometida artellouse a través de catro fases. Na primeira, identificáronse as variables representativas do compromiso das empresas coa súa contorna. Posteriormente, o traballo centrouse na clasificación e ponderación destas variables arredor de variables principais, non principais e complementarias en función do seu grao de importancia respecto das materias sobre as que xira o proxecto.
Unha vez estruturadas estas variables, abordouse a definición das catro áreas que serven de fío condutor e que axudan ás empresas a medir o seu progreso nas distintas materias. Estas son as categorías de Bo Goberno, Contorna, Medio Ambiente e Persoas.
A seguinte fase na construción deste Atlas, que na edición de 2023 marcou o seu récord de empresas participantes, ocúpase do desenvolvemento de índices por atributos . O obxectivo é que estes permitan sintetizar a realidade medida a través de cada variable para posteriormente proceder a asignar estrelas ás empresas por cada unha das categorías.
Definíronse un total de 21 variables divididas en 68 atributos. Os valores acumulados das variables de cada categoría transfírense a un rango de 0 a 100, que finalmente se transforma nunha asignación de niveis representados por estrelas.
Para recoller a información precisa de cada variable, o proxecto recibiu información das empresas a través da respostas a enquisas. Tamén se tirou información do Rexistro Mercantil ou das memorias anuais das empresas. Froito disto nace a cuarta edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida , que tivo o apoio de Gadisa, Copasa, Cobre San Rafael e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
A iniciativa impulsada por Economía Digital Galicia nunha sociedade aínda conmocionada polo impacto da pandemia atraeu dende o seu nacemento a máis dun cento de empresas, que se comprometeron a someterse ao escrutinio deste estudo que pretende poñer en valor as mellores prácticas en materia de sostibilidade, bo goberno e na relación co territorio e as persoas.