Actualizado
Altia, Gadisa, Inditex, Congalsa, Ibercisa… Empresas que destacan no Atlas de Economía Digital de Galicia
Os resultados do Atlas Galego da Empresa Comprometida indican que a dixitalización e o gasto en I+D son áreas preferentes de investimento na maioría das empresas participantes no estudo
A cuarta edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida (AGEC) conta con 80 grupos empresariais dispostos a medir o seu grao de compromiso a partir de catro indicadores diferentes como son o medio ambiente, a sostibilidade, as persoas e o bo goberno. Este mércores, na presentación do proxecto nun acto celebrado en Santiago de Compostela ao que asistiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda , o director técnico do proxecto, o economista Marcelino Fernández Mallo, destacou que as entidades participantes acadaron unha “ homologación xeral ” con notables avances na aplicación de ferramentas en materia de xestión ética e na proxección do medio ambiente, mediante a utilización de certificacións que recoñecen o traballo desenvolvido polas corporacións.
A metodoloxía aplicada no Atlas de Economía Digital de Galicia outorga unha puntuación dunha a cinco estrelas para cada categoría en función do compromiso identificado polas empresas participantes. Desta xeito, entre as 80 empresas participantes que, en liñas xerais, logran un “aprobado” no seu grao de compromiso, once empresas sitúanse como as máis destacadas . Conseguiron superar as 15 estrelas ou alcanzar as tres estrelas en todas as categorías analizadas.
Como recolle o Atlas Galego da Empresa Comprometida, que se pode descargar de balde na páxina web de ED Galicia, as empresas máis destacadas en canto a resultados nesta cuarta edición son Altia, Caetano Formula Galicia, Congalsa, Emalcsa, Gadisa, Ibercisa, Inditex, Kaleido, Moonoff, Optare Solutions e Vegalsa-Eroski.
Os autores do Atlas chaman a atención sobre as 18 estrelas, dun total de 20 posibles, acadadas pola empresa viguesa Kaleido Ideas&Logistic , multinacional especializada en loxística global, as 16 estrelas obtidas por Congalsa , un dos grandes provedores galegos de Mercadona. con sede na Pobra do Caramiñal, e os 15 da empresa de telecomunicacións viguesa Optare Solutions , da firma compostelá de iluminación LED Moonoff e da Empresa de Augas da Coruña, Emalcsa . Ademais, o xigante Inditex é a única empresa participante no Atlas xunto con Kaleido que logrou cinco estrelas en dúas das catro categorías a analizar.
Por outra banda, a AGEC tamén recoñece aquelas empresas, das 80 participantes, que conseguiron obter tres ou máis estrelas nas catro categorías coas que se mide o grao de compromiso empresarial. Ademais dos anteriormente citados, destacan Ibercisa, Caetano Formula Galicia, Gadisa, Altia Consultores e Vegalsa-Eroski.
Prioridades de investimento
Nesta nova edición tamén se analizan as áreas de investimento preferentes das empresas galegas. Destaca o feito de que o 56,8% das empresas enquisadas aposta pola dixitalización como área principal. A segunda prioridade é incrementar o investimento en I+D+I (43,2%), lograr un maior crecemento orgánico (34,6%) e avanzar no desenvolvemento de medidas ambientais (33,3%).
Os autores do Atlas chaman a atención sobre este feito, destacando que “a pesar da ampla acción de sensibilización de institucións e gobernos e da presión de datos climáticos cada vez máis alarmantes, a protección do medio ambiente e dos recursos naturais aínda non parece ser un dos principais prioridade para as empresas galegas. Tamén é certo que hai sectores –servizos, basicamente– nos que a preocupación ambiental está menos presente mentres a dixitalización é un obxectivo xeral”.