Actualizado
Arrinca o Museo da Automoción, unha viaxe polo tempo en 300 vehículos históricos
O Museo da Automoción e Historia (MAHI) da Fundación Jorge Jove, que abrirá as súas portas ao público este sábado 16 de setembro, narra a historia do automobilismo nunhas instalacións de máis de 15.000 metros cadrados
Conta atrás para que o Museo da Automoción e Historia (MAHI) da Fundación Jorge Jove abra as súas portas ao público. A partir do próximo sábado 16 de decembro poderán visitarse as instalacións situadas no polígono de Sabón, en Arteixo, nas que se amosan 300 vehículos históricos e centos de pezas de gran valor dispostas en 12 salas que superan os 15.000 metros cadrados. O espazo expositivo permite mergullarse na historia do automobilismo e a súa relación con outros campos como a música, a literatura, a arte, o deporte, a economía ou o cinema.
O acto de inauguración do MAHI, celebrado este xoves, contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; o presidente de honra e fundador da Fundación Jorge Jove, Ángel Jove Capellán; e o presidente da fundación, Ángel Jove González.
Na súa intervención Rueda destacou o “esforzo” da familia Jove para levar a cabo a iniciativa, que non estivo exenta de “dificultades”. “O máis sinxelo tería sido renderse”, apuntou o mandatario galego, quen tamén indicou que se trata “dun día moi especial” para o municipio coruñés. “Inaugúrase un museo e o que toca é agradecer o esforzo. Toca sentirnos orgullosos do que isto supón, de ter unha bandeira máis aquí, en Arteixo”, subliñou.
“MAHI é bastante máis que un museo de Automoción”. Así definía Ángel Jove González un proxecto que “logrou ilusionar a colaboradores privados” e que contribuíron na exposición con pezas “excepcionais” de automoción, moitas das cales nunca antes estiveran expostas público.
Pola súa banda, Ángel Jove Capellán, tivo palabras de agradecemento coa súa familia polo apoio para poñer en marcha o proxecto.“O MAHI é o culmen ao traballo de 25 anos e sitúa a Galicia como referente a nivel europeo do sector automobilístico”, explicou o presidente honorífico da fundación.
Para o alcalde de Arteixo a posta en marcha do museo “redundará na vida e o coñecemento dos veciños do municipio e supoñerá un polo de atracción de visitantes”. Carlos Calvelo tamén valorou o potencial educativo dunhas instalacións “que poderán gozar persoas de todas as idades”.
Unha viaxe desde 1886 até a década dos 90
Un tranvía que unía Riazor con Porta Real marca os primeiros compases dun percorrido que viaxa desde 1886 até a década dos 90. De Cadillacs a carromatos ou dun carro de combate ao coche de Carlos Sainz e Luis Moya. Son algúns dos contrastes que ofrece unha exposición integrada por máis de 300 vehículos históricos na que non só se fala da historia do automobilismo, senón tamén da súa relación con outros ámbitos como a música, a literatura, a arte, o deporte, a economía ou o cinema. O exemplar máis antigo é o Triciclo Benz de 1886, unha réplica do primeiro vehículo que utilizou un motor de combustión interna.
A maioría de fondos proceden da súa propia colección, aínda que se poden atopar modelos de colaboradores privados, algúns nunca expostos ata o de agoéa. A exposición componse de 12 salas divididas por áreas temáticas. Dúas delas están adicadas ás compañías Hispano Suíza e Pegaso. A terceira estancia é unha sala temática na que se aborda a música a través da evolución dos reprodutores. Tamén se analizan os primeiros cambios no sector do motor co nacemento do automóbil e os motores monocilíndricos.
Na cuarta sala nárrase a evolución do campo e dos distintos pasos da súa mecanización mentres que na quinta se fai un repaso á prensa e á literatura cos recortes de noticias destacadas da historia da automoción que comparten espazo con vehículos e motores dos anos 30 e 40.
Na sala sexta faise unha homenaxe aos servizos de bombeiros con vehículos entre os que figura un cedido polo Concello da Coruña. Continúa a exposición facendo un repaso aos modelos doutros corpos de servizo como a Garda Civil ou a Policía.
Na oitava estancia a exposición chega aos anos 50, data na que xorde un novo concepto de habitáculo interior: o monovolume. Tamén se fai aquí un repaso á fotografía a través de imaxes antigas das principais cidades de Galicia. A pintura e a escultura abórdanse na seguinte sala, que conta coa colaboración da Fundación María José Jove, e na que tamén se aborda a revolución do Mini dos anos 60.
Proxectores e cámaras, tanto domésticos como industriais, comparten protagonismo na décima das salas con vehículos dos anos 70 e 80, cando a electrónica comeza a tomar forza na xestión da mecánica. A firma alemá Mercedes e a súa evolución aos longo do século XX marcan o fío argumental da undécima estancia antes de pechar o percorrido cunha área dedicada ao deporte e os vehículos de competición.
Localización, horarios e prezo das entradas
O Museo da Automoción e Historia atópase no número 460 da Avenida da Praia do Polígono de Sabón, en Arteixo. Estará aberto a partir do 16 de decembro de mércores a domingo de 10:00 a 19:00 horas. A entrada ten un custo xeral de 10 euros aínda que conta con tarifas reducidas. Para os nenos de entre 5 e 10 anos a entrada é de 3 euros, mentres que para os menores de 5 anos a entrada é de balde.
Tamén hai opcións de entrada reducida a 6 euros para estudantes, maiores de 65 anos e grupos. Ademais diso, o museo organizará visitas guiadas e ofrecerá distintos talleres e actividades que poderán consultarse na súa web.