Xa ninguén lembra a Tsipras

 

Vaia. Xa ninguén invoca, entusiasmado, a Tsipras, o líder grego que emerxeu como «referente» da nova esquerda europea ata que a realidade lle bateu nos ollos cando abriu as xanelas no seu primeiro día como presidente do Goberno heleno. Seica, por exemplo, Pablo Iglesias ía ser o Tsipras español. En menos tempo que se recollen as patacas na Limia, xurdiron imitadores por todas partes. Tamén aquí, entre nós, apareceu algún que outro tsipriñas.

Xa ninguén mira para Grecia. Xa ninguén leva a camiseta de Tsipras. A súa coalición recollía a ira dunha poboación alporizada polas durísimas medidas adoptadas para combater a fonda crise que afoga os gregos. Por que? Algunhas das promesas de Tsipras e os seus eran imposibles de aplicar sen desencadear uns efectos aínda peores para a cidadanía. Dito doutro xeito: era peor o remedio que a enfermidade. Unha cousas era desafiar as institucións supranacionais nos mitins e outra, ben distinta, levar a rebelión ao diario oficial. Un frío baño de realismo.

Non sei se foi esa ducha escocesa a que axitou os circuitos neuronais do virxinal politburó de Podemos. Pero o certo é que aínda non hai dous anos que agromou como un furacán na política española e xa costa recoñecer partes fundamentais do seu exitoso e catódico discurso inicial. Vanse moderando as propostas. Vaise facendo exercicio de contención. Vanse suavizando os anatemas (a clase política, a Constitución, a Transición…). Todo un cursiño acelerado de adaptación, onde uns ven un xiro cara o realismo e outros unha elevada dose de tacticismo moderado con fins electorais. O «pack» inclúe cambios de opinión drásticos dun día para outro, evidentes incoherencias e chamativas dúbidas. E, por suposto, cómpre dicilo tamén, os primeiros síntomas dalgúns tics, noutrora moi criticados, dos vellos partidos (o cesarismo do que falou Beiras).

A esquerda, todas as esquerdas (moderadas, radicais, centralistas ou nacionalistas) farían ben en ofrecerlle ao electorado propostas realistas, capaces de ter crédito e de ser consideradas como vías diferentes para solucionar os grandes e graves problemas que deixa a crise en amplas capas da sociedade: un insufrible nivel de paro, crecemento imparable da nova clase social do precariado, degradación salarial, notable perda de dereitos laborais, copagamentos sanitarios e educativos inaceptables, redución ostensible dos servizos sociais, procupante descrédito institucional pola corrupción, tensión territorial en Cataluña, etcétera.

Aí fóra están os problemas reais para os que as esquerdas haberán de habilitar solucións realistas. Que lle digan algo, por exemplo, a ese 30% dos españois aos que lles resulta «imposible ou bastante complicado» enfrontar os servizos de saúde que xa non cobre o sistema público, segundo unha enquisa recente da OCU.

Quizais as esquerdas prefiran ir predicando a revolución pendente, clamar por unha arcádica patria nova onde non existen os problemas, mudar as franxas da bandeira ou montar unha Constitución totalmente diferente. A vella tentación da utopía, da retórica encendida e do estéril maximalismo.

Mentres, a dereita, cos pés no chan, controla (co apoio electoral preciso) todos os resortes do poder e as enquisas máis serias insisten: hai moitas opcións de que recunque Rajoy. De momento, alentado pola campaña de balde que lle fan independentistas cataláns e yihadistas, xa conseguiu que en plena campaña electoral non se debaten os seus recortes, nin os nocivos efectos das súas políticas neoliberais. Será que o persoal non está tan farto desas políticas como se di? Ou será talvez que non albisca credibilidade e realismo nas propostas das esquerdas? E se resulta que lle agradan os seus postulados sociais e económicos pero asústao a idea de poñer a casa patas arriba porque cre que xa temos problemas dabondo?

Xa ninguén mira para Tsipras, pero non se debería esquecer a lección. A do baño de realismo e as súas secuelas de frustración e desmobilización.