Volven por Nadal
Tras uns días fóra da casa, coincido na viaxe de volta coa típica escala en Madrid, cun nutrido grupo de traballadores galegos. Polo que falan, no idioma do país, regresan dende os Emiratos Árabes e algún outro lugar daquela lonxana rexión do planeta. Chegamos e escóitolle a un deles: despois de tanto tempo, as rías mesmo parecen máis bonitas; contéstalle outro: total, para o que imos quedar. Recollendo as maletas, albiscan os familiares á espera e as bágoas xorden sen contención.
Non son estas datas de cifras e números. Nin sequera queremos saber cantos volven porque cada un é quen é, nada de sumas, todos igual de transcendentes. Por iso hoxe máis ca nunca anoxa esa continua afirmación de Feijoo, arteiramente falsa, segundo a cal Galicia está mellor co resto de España no asunto do traballo. O paro provoca calafrío pero se lle engadimos os galegos que marchan, entón é pra montar unha revolución.
E como non son datas de cifras, regreso ás persoas, neste caso no tramo da esperanza, ese que ocupan os mozos. Miro ao redor e só atopo xente nova que volve. Teñen en torno aos vintecinco anos, queren traballar e ninguén encontrou unha oportunidade no país. Empezo pola filla, traballando… en Berlín. E continúo cos seus curmáns, curmás e amigos máis próximos: P traballando… en Barcelona. J traballando… en Donosti. M nun proxecto social… en Bulgaria. Pb de prácticas… en Madrid. C1 traballando… en Londres. C2 traballando… en Xaén, un país africano como destino final. A de prácticas… en Madrid. JG na Coruña… no paro. D na Coruña… no paro. E por fin I, con estudios de farmacia, traballando na Coruña tralo mostrador… dun café.
Pequena pero significativa. Cada quen ten a súa mostra. Que non nos falen de números. Son a nosa xente, a nova e a non tan nova. E os estamos botando fóra do país. Só regresan polo Nadal.