Vender fóra

O último Consello da Xunta de Galicia aprobou un programa de incentivación da presenza das empresas galegas no exterior. Consiste o tal programa nun acordo coas principais compañías exportadoras do país para que estas titoricen os proxectos de internacionalización dun grupo de PEMES. A iniciativa amosa boas intencións, sen dúbida, pero implica ou desvela un preocupante conxunto de factores a termos en consideración así como un non menos alarmante erro de diagnóstico.

Atendendo ao informe trimestral sobre comercio interrexional en España publicado en decembro 2014 (Proxecto C-interreg), vese que Galicia presenta un saldo positivo fronte ó mercado exterior de 4.066 millóns de euros. Respecto ao total da súa produción, vende fóra de España un 43,2%, por riba da media de CC.AA. que é un 40,5%. Diríase, xa que logo, que a economía galega presenta unha boa situación comparada respecto ao conxunto da economía española.

Sen embargo, mirando detrás dos datos xerais, observamos unha realidade non tan favorable. O primeiro a subliñar é o índice de concentración sectorial inusitadamente alto, cun C2 (peso dos dous sectores principais) do 43%. Quere isto dicir que sen confección e automóvil, as exportacións galegas serían pouco máis da metade do que son. As boas cifras relativas de internacionalización da economía galega explícanse pola presenza de Inditex en Arteixo e PSA-Peugeot-Citröen en Vigo antes que pola vocación exportadora das nosas empresas.

Outra cuestión esencial extráese da análise polo miúdo da acción exportadora. Se ben se detecta un elevado número de compañías con vendas no exterior, arredor de 3.000, o certo é que na gran maioría dos casos, se trata de operacións puntuais de escaso valor a mercados ou distribuidores concretos e non dunha estratexia de implantación internacional.

O problema real da economía galega respecto á súa presenza nos mercados exteriores é o insuficiente impacto da mal chamada internacionalización sobre o progreso do país. Segundo o informe de Contabilidade Rexional do INE de 2013, Galicia presenta un PIB per cápita de 19.893€, un 88,3% da cifra española, tan so por detrás de Murcia, Estremadura, Comunidade Valenciana, Castela-La Mancha e Andalucía. O PIB per cápita do País Vasco é un 47% superior ao galego, e o aragonés, outro exemplo, un 24% maior.

Parece claro que o obxectivo non habería ser convencer un grupo novo de PEMES para tentar a entrada en mercados exteriores nin de facer medrar nunha exigua porcentaxe as exportacións galegas como formula o programa da Xunta. Trátase de multiplicar as vendas das empresas galegas de xeito que o incremento de produción consecuente implique o crecemento do PIB per cápita do país e, con iso, tamén a renda per cápita ao tempo que se incide de modo drástico nas insufribles cifras de desemprego e emigración que asolan Galicia.

Un programa de acción que desvíe a responsabilidade do goberno galego cara á vontade de colaboración de certas empresas e que tente disfrazar a desoladora ineficacia do IGAPE, non será nunca unha solución. De feito, os programas do IGAPE, principal organismo na materia en Galicia, non son peores cós demais que se coñecen noutros territorios. O problema radica na precaria execución, isto é, na súa falla de rendemento substancial e diferencial.

Galicia adoece dunha febleza estrutural polo seu minifundismo empresarial e a falta de recursos dispoñibles, o cal se ten que compensar coa actuación estratéxica dos poderes públicos. Isto é algo que nunca comprenderon os gobernos do PP, que tenden a abrazar o cómodo dogma do liberalismo económico. A Administración Pública dun país coas características de Galicia ten a obriga de liderar a transformación da súa economía. E isto, en materia de internacionalización así como noutros eidos de singular importancia (a innovación ou o relanzamento do agro, p.ex.), pasa polo aumento da dimensión das unidades produtivas e comercializadoras. Para que a produción galega consiga unha penetración relevante nos mercados exteriores, é preciso artellar unha potente rede de consorcios de exportación multisectorial que, partindo dunhas óptimas análises do mercado, acometan os principais países destinatarios con tódalas garantías de éxito.

Hai un factor clave engadido que cuestiona o mesmo concepto de «mercado exterior». O exterior a Galicia non se pode avaliar a partir das fronteiras españolas, isto supón un erro inaudito, senón dende as propias fronteiras galegas. Cataluña, Madrid ou Canarias son mercados tan exteriores a Galicia como Francia, Noruega ou Xapón, inda que con menos trabas administrativas e operativas. E nese ámbito, a actividade galega amosa igualmente un enorme potencial de crecemento.

Xa as cifras agregadas apuntan nesa dirección pois mentres o 35,7% da produción galega se dirixe a CC.AA. españolas, o dato para o conxunto do Estado é do 38,6%. Pero se comparamos con outras CC.AA. de similar nivel de desenvolvemento, obtemos cifras que non deixan lugar ás dúbidas. Así, mentres Galicia vende ao mercado español un 69% máis que ao mercado interno, ese dato é do 108% en Andalucía, un 120% en Aragón, un 161% en Castela-León, un 344% en Castela-La Mancha e un 206% en Murcia. Seica eses consorcios de exportación que demandabamos para os mercados exteriores deberían empezar por actuar no mercado español.