Unha lexislatura de progreso?
Núñez Feijóo vai gozar do que se lle nega á maioría: unha terceira oportunidade. Abonda con revisar as principais cifras demográficas e económicas de Galicia nos últimos oito anos para cualificar de fracaso sen matices as dúas anteriores lexislaturas (ver artigo anterior). O devalo séntese mesmo no clima social, na falta de iniciativas, na emigración dos mozos, na perda de expectativas dos parados e dos traballadores en precario. Ano a ano, Galicia continúa perdendo peso no conxunto do Estado nunha secuencia que máis semella unha condena.
Alguén terá que repensar as estratexias seguidas ata agora e intentar provocar a rebelión económica que o país necesita. Galicia precisa axitar a bandeira dos grandes acontecementos, non hai outra que xuntar os restos de enerxía e recursos que lle queden e lanzarse á aventura do futuro. Isto ou continuar afogándonos na lama da indiferenza.
Quitando o loable proxecto das Rozas no sector emerxente dos drons, os gobernos de Feijóo non foronquen de propiciar o crecemento, cuantitativo e cualitativo, do país que nos permita ofrecer traballo aos galegos que se incorporan ao mercado laboral. Un exemplo nítido: onde están os enxeñeiros que saíron estes anos das universidades galegas? A resposta sabémola todos.
Que facermos? Como dicía, xuntar recursos: os fondos públicos, os capitais dos grandes investidores privados galegos (que seguen a comprar edificios polo mundo adiante), e os investimentos que se deben captar tamén de fóra. E xerar un caudal de proxectos a partir dos potentes factores endóxenos deste país e das tendencias económicas e tecnolóxicas que se levan manifestando intensamente nos últimos anos sen que a Xunta pareza decatarse.
Temos ante nós as enormes oportunidades que ofrece a chamada Industria 4.0, a intelixencia artificial, o big data, a Internet das cousas, os novos materiais, a robótica, a nanotecnoloxía, a impresión 3D, a xenómica, a sensórica, a realidade aumentada, os vehículos autónomos… É a nova revolución industrial e tecnolóxica que implica a posibilidade dun reposicionamento das economías nacionais. Que está facendo Galicia ao respecto?
E temos outrosí o novo paradigma enerxético, as fontes sustentables, as tecnoloxías de aforro enerxético, a almacenaxe que permite o hidróxeno, a bioenerxía, o vehículo eléctrico, a nova onda da reciclaxe de materiais… Un novo paradigma que se complementa coa irreversible tendencia de preservación do medio que acolle novas e poderosas oportunidades de transformación económica que se confirman polo crecemento imparable da demanda de produtos ecolóxicos.
Engadamos a chamada agricultura de precisión que se deriva dos avances tecnolóxicos que citabamos nun parágrafo anterior. Galicia leva décadas de abandono do rural, unha decisión catastrófica que contrasta de xeito brutal co pulo que amosa o campo nos países desenvolvidos de Europa ou América e mesmo nas economías en vías de desenvolvemento. En Galicia decidimos que a agricultura non era rendible e agora temos unha produción agraria estancada e unha das porcentaxes máis reducida entre as rexións europeas de superficie cultivada.
A acción decidida da nova Xunta de Galicia a prol do aumento radical da produción agraria, da agrupación de terras, recursos e vontades, da incorporación das novas tecnoloxías e da integración coas fases de produción, habería ser outro dos eixos básicos para unha economía galega de progreso. Dentro desta política, obviamente, debería incluírse a redución drástica das plantacións de eucaliptos, un factor que condiciona gravemente calquera estratexia de transformación do rural galego.
Hoxe iníciase a terceira lexislatura con Núñez Feijoo á fronte do goberno galego. Pode ser unha lexislatura para continuar o retroceso ou para reaccionar. Por sorte ou por desgraza, nas súas mans estamos.