Un plan, por favor
Os países con economías puxantes gañan peso respecto ás súas unidades territoriais superiores. Emprenden máis, invisten máis, producen máis, xeran máis postos de traballo, captan poboación. A evolución da economía galega no século actual fala de estancamento respecto da economía española: en 2000, representaba un 5,17% do PIB total español, en 2015 o 5,15%. Mentres tanto, Madrid pasaba do 17,67% ao 18,83%, e iso malia ser España, disque, un país descentralizado.
Paga a pena botar un ollo ao xeito no que evolucionou o PIB galego respecto do español. Diciamos que supuña un 5,17% en 2000; en 2005 –último goberno Fraga– pasou ao 5,18%; en 2009 –único goberno bipartito–, elevouse ata o 5,26%; e en 2015, os anos do Feijoo, baixou deica o 5,15%. Con Touriño ao fronte, Galicia gañou 8 puntos porcentuais sobre o PIB español; 11 perdeu con Núñez Feijoo.
A cuestión clave está en dirimir o porqué da diferenza drástica entre ese período 2005-2009 e o intervalo 2009-2015. A resposta semella obvia: distintos gobernos, modelos diferentes. Mentres que durante os anos do bipartito, apostouse pola industria do país, por proxectos no rural, polo I D, pola cultura propia, unha vez o PP recuperou o poder, regresou á inercia de xestionar a continuidade, intervindo aló onde compensa e eliminando calquera iniciativa contraria aos intereses afíns. Dito doutro modo: o bipartito tiña un plan axeitado ao país e á situación; o PP de Galicia seguiu a estela do goberno español de competir a base de salarios baixos e produción de escaso valor engadido.
Os partidos concorrentes ás vindeiras eleccións deben presentar o seu plan para que a economía galega saia do estancamento relativo no que está e permita xerar unha dinámica propia das sociedades que medran e avanzan. Un plan que identifique o banco de proxectos que haberán crear traballo e riqueza por riba da mera tendencia global. Un plan que permita recuperar os 74.400 traballadores galegos perdidos dende 2009 (redución de poboación activa) e que absorba con naturalidade as demandas dos mozos galegos que se incorporan ao mercado laboral.
Os partidos concorrentes ás vindeiras eleccións deben explicar como o van facer, cal sería o plan do vindeiro goberno en materia de política industrial, de desenvolvemento e innovación, de dimensionamento corporativo, de cooperación e cooperativismo, de internacionalización, de captación de investimento. Deben deseñar un plan e trasladalo á sociedade para buscar tamén a súa complicidade e participación, e concretamente deberán ofrecelo aos propietarios dos recursos e do capital para conseguir a súa conivencia baseada na utilidade social e na rendibilidade empresarial.