Un banco novo
Neste caso, a orde dos factores si altera o produto. Non se trata tanto dun novo banco coma dun banco novo. Abanca non é un novo banco, é Novagalicia con distintas vestiduras. Pero si é un banco novo, ou pretende ser. Dende logo, con distinto propietario ou, de feito, finalmente cun propietario. Nin Caixa Galicia nin Caixanova tiñan ningún e o FROB tampouco non se sentiu nunca tal. Un propietario, ademais, cunha idea propia de dirección e xestión e convencido dun modelo concreto para a organización.
Banesco principiou esta andadura dun xeito glorioso: gañando a poxa contra prognóstico ás máis fortes entidades financeiras españolas. Fíxoo a través dun proceso innovador, co Banco Etcheverría como oferente intermedio, e sabendo ler con mestría as regras ditadas no momento polo Ministerio de Economía. Os seus primeiros pasos volven ser modélicos, amosando unha gallardía infrecuente na contorna dos negocios ao manter a Javier Etcheverría na presidencia do consello e permitindo unha saída honrosa cara ao anterior presidente de NCG.
Abanca conta cun líder que semella representar o ideal dun dirixente. Formas cordiais e xestos simbólicos, formación sólida, unha traxectoria de éxito e determinación á hora da toma de decisións. Escotet está a demostrar igualmente unha encomiable dedicación e unha obsesión por coñecer a organización a fondo. A súa aposta por recuperar o banco a prol da economía e progreso de Galicia non pode merecer máis có aplauso entusiasta xeral. En resumo, Banesco aparece como o salvador dun dos principais eixos de vertebración económica do país, nin máis nin menos.
Noutras colaboracións tivemos a ocasión de, primeiro, apoiar a opción Banesco cando semellaba unha das que apenas contaba, e segundo, unha vez se soubo o resultado da poxa, advertir de estarmos ante a derradeira oportunidade así que non quedaba outra que facer as cousas ben. Estanse facendo ben? De acordo co visto ata hoxe, diría que maioritariamente si inda que tamén houbo algunha sombra e permanecen riscos evidentes.
Fíxose ben a auténtica cruzada emprendida polo aparello Banesco para coñecer Novagalicia por dentro o que permitiu detectar algunhas das feblezas internas da organización e tamén as persoas que menos encaixaban na nova etapa. A conclusión inmediata foi varrer a dicotomía azuis contra verdes que corroía a xestión, ese enfrontamento soterrado de dúas culturas contrapostas. Simultaneamente se prescindiu dalgúns mandos que, ou ben tendían a agudizar a división interna ou ben non coincidían co estilo que se quere implantar. Coma sempre, haberá opinións ao respecto. Nin eran tódolos que estaban nin estaban tódolos que foron, seguramente.
O organigrama deseñado semella algo inflado. Non parece responder a esa estrutura dinámica que se desexa poñer en práctica. Ademais, faltáballe o factor negocio, ese elemento capital en toda empresa que representa o director comercial (chamado neste caso de Negocio España). Con certa demora, por fin se coñece o novo home forte da función. Ao meu xuízo, e mesmo sen coñecer o escollido, coido que se trata dunha decisión brillante. Tradicionalmente e con loables excepcións, a función comercial nas caixas galegas resumíase nunha mera traslación piramidal de obxectivos, exercida esta cunha maior ou menor presión. A elección dun perfil máis analítico e estratéxico debe recibirse con satisfacción.
Quizais unha das sombras máis visibles teña sido a nova marca. Esperábase bastante máis tanto do nome e do logo como da campaña de lanzamento, que se antollan unha oportunidade perdida e un aspecto a reorientar cando sexa posible. Pola outra banda, impresionante o exercicio de difusión da marca, un proxecto levado a cabo cunha sincronización admirable o que demostra a motivación da plantilla e que a maquinaria funciona.
Ao respecto da plantilla precisamente xorden aínda dúbidas que precisan unha acción dilixente. Cuestións elementais coma dimensionamiento, retribucións ou xornada deben clarificarse canto antes. O persoal encóntrase motivado e implicado pero a desproporcionada dedicación que se está a demandar en demasiados departamentos pode poñer en risco o rendemento no medio prazo.
Deixamos para o final o que quizais debería dar comezo a esta colaboración. A situación financeira do banco continúa a ser comprometida. A intención de crecemento de negocio manifestada polo actual propietario choca cunha realidade económica aínda vacilante e un escaso marxe de recursos propios. Haberá que estar moi atentos á evolución os vindeiros trimestres do balance e, sobre todo, da conta de resultados de Abanca. Os meus votos para que sexan o preludio dunha longa etapa de logros e expansión.