Transformación ou irrelevancia
Agora que pasou o 27-S, que as xerais están para convocarse, que a seguir virán as autonómicas galegas, agora que a política semella asolagar a actualidade, é hora de colocar de novo a economía no centro do debate. Porque en Galicia, economía e política forman parte dunha mesma realidade que continúa xogando unha partida a cegas co destino.
Coido que xa manexamos nalgunha outra ocasión estes datos abondo definitorios: o PIB de Galicia representaba en 1940 un 7% do total español, en 1960 era un 6% e na actualidade se sitúa no 5%. O caso de poboación é similar: en 1940 Galicia representaba o 10% da poboación española, un 8% en 1975 e na actualidade se sitúa por debaixo do 6%. Se procuramos cualificar os datos anteriores, atopamos que o PIB per cápita de Euskadi é un 49% superior ao de Galicia. Unha información adicional: entre as dez primeiras empresas de Galicia por facturación, oito pertencen ao Grupo Inditex. Hai que afirmalo con rotundidade: a economía galega atópase ao bordo do colapso e revélase estruturalmente incapaz de crear riqueza e traballo. Ou se inicia a súa transformación a fondo ou a condena á irrelevancia axiña se manifestará inevitable e irreversible.
Co gallo dunha colaboración para unha das plataformas cidadás creadas en Galicia nos últimos tempos, tiven a ocasión de reflexionar sobre os problemas esenciais desta economía paralizada. Como sempre, unha diagnose correcta permite debuxar liñas de solución axeitadas. Iso foi o que pretendín e este vén sendo o resultado.
PROBLEMA ESENCIAL I:
Estrutura sectorial caduca, con actividades de difícil recuperación produtiva e escaso peso nos sectores emerxentes e de elevado valor engadido.
Liñas de actuación
1. Desenvolver unha análise proxectiva da estrutura sectorial de Galicia nun período de 15 anos que permita articular unha economía capaz de xerar riqueza e traballo no país. Identificación de áreas prioritarias a considerar.
2. Deseñar unha estratexia específica para cada cadea produtiva identificada no punto 1 anterior a fin de captar e desenvolver proxectos empresariais con carácter integrado ou de cadea de valor.
3. Plan de promoción de proxectos dirixido a empresas establecidas en Galicia, a compañías foráneas e a sociedades de investimento vinculadas a empresarios galegos (residentes ou na diáspora).
PROBLEMA ESENCIAL II:
Perda de pulo na actividade agroalimentaria e abonda terra dispoñible improdutiva. Oportunidade no crecemento continuo da demanda de produtos alimentarios no mundo.
4. Recuperar e axilizar o proxecto de agrupación de superficie produtiva que significou o Banco de Terras e potencialo mediante un programa de promoción de proxectos.
5. Promover o cooperativismo e fortalecer a actuación colectiva en áreas de suministro, transformación e comercialización dos produtos agrarios.
6. Desenvolver un plan de I D i que garanta a actuación coordinada dos ámbitos investigador, agrogandeiro, industrial e comercial.
PROBLEMA ESENCIAL III:
A falta de dimensión media das empresas galegas e concretamente a elevada porcentaxe de microempresas condiciona de xeito crítico a competitividade da nosa economía e a súa capacidade de crecemento e expansión.
7. Favorecer e promover os procesos de converxencia empresarial tipo fusións, joint ventures, cooperativismo ou clusters.
8. Favorecer e promover a colaboración ao longo da cadea de produción dun sector procurando incluso procesos de integración vertical.
9. Favorecer e promover servizos, públicos ou privados, de asesoramento empresarial dirixido ao crecemento e expansión.
PROBLEMA ESENCIAL IV:
Infravaloración das funcións de marketing e comercialización na cadea de valor da empresa galega e concentración da actividade internacional nos sectores do téxtil e do automóbil.
10. Crear un programa de concienciación sobre a transcendencia de aplicar técnicas de marketing na empresa e de desenvolvemento das fases de comercialización do produto
11. Constituír unha ou varias empresas comercializadoras, públicas, privadas ou mixtas, que potencien a presenza do produto galego no mercado español e exterior
12. Favorecer ou promover consorcios de exportación, sectoriais e multisectoriais, que potencien a entrada do produto galego nos mercados internacionais
PROBLEMA ESENCIAL V:
Desprezo da actividade innovadora como elemento de diferenciación ou valor engadido, xa que logo, de competitividade así como de xeración de unha maior rendibilidade agregada.
13. Crear un programa de concienciación sobre a transcendencia de aplicar criterios de innovación no deseño de produtos e na xestión de procesos internos
14. Reorganización y relanzamento do sistema galego de innovación a fin de potenciar o seu impacto na empresa a partir dunha programación que se inicie na «i» de innovación
15. Manter unha acción permanente (non suxeita a prazos fixos en cada ano) de asesoramento e axuda á acción innovadora da empresa galega
PROBLEMA ESENCIAL VI:
Ignorar o valor da paisaxe e o coidado do medio como factores de creación de marca e estímulo de sectores básicos coma o agroalimentario, o forestal, a pesca, o marisqueo ou o turismo.
16. Reconsiderar a política forestal reducindo a presenza do eucalipto a menos do 25% da superficie total arbórea. Accións urxentes de corrección para evitar a continuada invasión do terreo por parte desta especie hostil e alóctona e a acelerada substitución da árbore autóctona
17. Reconsiderar as concesións de minicentrais eléctricas nos ríos galegos e de piscifactorías en lugares de elevado valor paisaxístico
18. Planificar o desmantelamento da factoría de Ence en Pontevedra e o aproveitamento sustentábel da ría unha vez liberada da presenza da celulosa
PROBLEMA ESENCIAL VII:
A inestabilidade de financiamento limita as posibilidades de xestión do orzamento autonómico de Galicia así como as opcións de investimento e crecemento das empresas galegas
19. Respecto á Administración, é imprescindible garantir a medio e longo prazo un fluxo suficiente de fondos que garantan tanto a xestión corrente do sector público galego como a política de transformación e incentivación da nosa economía
20. Respecto ao sector privado, constitución de un Instituto de Crédito dirixido ao financiamento empresarial e ao apoio das operacións corporativas que xurdan da aplicación do programa de actuación recollido neste documento.
PROBLEMA ESENCIAL VIII:
Aspectos varios como enerxía ou custos de explotación.
21. Plan de desenvolvemento de enerxías renovables con sinerxias sobre o sector industrial
22. Negociación de tarifas eléctricas preferentes de acordo coa condición de Galicia como produtora de enerxía
23. Plan Galego de Aforro enerxético e economía ecolóxica
24. Rescate de servizos privatizados cando a privatización non teña xustificación dende o punto de vista do servizo e do custo para as arcas públicas
As liñas anteriores constitúen unha sorte de programa de transformación da economía de Galicia. Agora habería que atopar un goberno disposto a levalo a cabo.