Tamén poderían votar con liberdade

 

Sostén Xaime Barreiro, desaproveitado líder que (entre outras cousas) foi voceiro socialista no Senado durante moitos anos, que non é aceptable a opción de que o seu partido lles dea liberdade de voto aos deputados/as na investidura. Que un grupo parlamentario ten que votar unido si ou si, porque se non, nin é grupo, nin é nada. Que non se pode crebar ese principio por nada do mundo.

A cúpula baronil do PSOE ten decidido facilitarlle a continuidade a Rajoy pola vía da abstención. Pensan que esta saída é a mellor para España e a menos mala para o propio partido. Malia algunhas enquisas (como a de eldiario.es) estableceren que os socialistas «só» perderían entre 10 e 15 escanos pero Podemos & asociados non sería quen de dar o famoso sorpasso, en Ferraz semellan desbotar definitivamente as terceiras eleccións. Xa se verá no comité federal do día 23.

Moitos dirixentes mantéñense na ambigüidade (nin abstención, nin novos comicios, cousa imposible). Mais non é menos certo o peso doutros dirixentes que cren preferible tocar fondo dunha vez e non pasar á historia como colaboradores necesarios dun novo mandato do deostado Mariano Rajoy en pleno aquelarre Gürtel. Entre eles, Patxi López, a presidenta balear e nada menos que oito federacións territoriais, co PSC á cabeza. Os cataláns están dispostos a saltarse a disciplina de voto e a «reformular» a súa irmandade co PSOE se hai abstención. A can fraco todo son pulgas. E no socialismo galego, silencio mesto e irrelevancia.

Compréndense as tribulacións en que batuxa a comisión xestora do PSOE logo de derrocar e defenestrar a Pedro Sánchez, agora cartuxo temporal in USA. Están á procura da «fórmula correcta» para se abster porque, se non dan con ela, poden facer un ridículo insufrible. Haberían de llo engadir ao cabreo da militancia, que non está polo labor. Ao do electorado, que tampouco, seica. E ao escarnio do resto da esquerda, aínda que tire beneficio da debilidade agónica do adversario.

Para chegar a este punto, un sector baronil do PSOE deu un golpe de man e derrocou o seu secretario xeral, electo pola militancia. Situación inédita na máis que centenaria historia do PSOE. Argumentan os seareiros de Susana Díaz, Felipe González and others que a situación era «excepcional».

Ben, pois talvez non sería un despropósito estender esa mesma presunta excepcionalidade á votación da investidura e acordar a liberdade de voto para os parlamentarios socialistas. Podería ser, si, un perigoso precedente para futuros conflitos, mais tamén é verdade que aforraría moitas das tensións internas e fracturas que van escurecer o ceo socialista no futuro inmediato. 

Deputados libres!! Fóra carautas. Cadaquén votando segundo a súa conciencia, criterio ou interese. Salvando a cara os que abandeiraron o non é non e que parte do non non entende, señor Rajoy. Mesmo o partido como tal podería aliviar o estigma: non se abstivo o partido, foron algúns deputados «por responsabilidade».

Ahora en portada