Socialistas sen GPS 

 

Se o SPD, o partido dos socialdemócratas alemáns, di que está a sufrir «unha crise existencial», non nos debe sorprender moito que aquí, na casa, os seus colegas galegos do PSdeG-PSOE leven tanto tempo navegando sen compás nin xeolocalizador.

Partidos, laboratorios de ideas, referentes intelectuais e sisudos cátedros de toda Europa levan moito tempo diseccionando os males da socialdemocracia. Debullan na súa incapacidade para ofrecer unha resposta propia e coherente á crise económica. Algúns pesimistas, vendo como as fórmulas da esquerda tradicional se confunden coas da dereita, dana xa por morta. Aí están os socialdemócratas franceses traizoando a súa identidade e impoñendo por decreto unha reforma laboral cuspida da perpetrada en España polo goberno de Rajoy.

Percíbese como se aquela ideoloxía asinante dos principios do estado do benestar (o grande éxito da Europa posbélica) baixase agora os brazos, se acomodase e, ao cabo, quedase sen discurso para todas esas amplas capas da sociedade que agora se senten –porque o están– desprotexidas. Como, se non, poden sentirse eses tres millóns de españois que durante a crise baixaron un escalón socioeconómico e deixaron de pertencer á clase media, tal como constata un moi recente e moi serio estudo?

Esa perda de pulso dos socialistas alimenta forzas novas como Podemos, que recolle astutamente o cabreo dunha ampla parte da sociedade co sistema económico (paro, inseguridade laboral, recortes, falta de expectativas…) e a súa decepción (cando non indignación) coa (non) resposta do reformismo progresista encarnado polos socialistas. A cohesión social e a igualdade de oportunidades están tocadas. Seica, á conta da crise, a ventada neoliberal, que sopra por Europa desde a década dos 80, acabou por desactivar por completo a socialdemocracia continental. Semella que os poderosos intereses financeiros e económicos supranacionais, donos da situación, deron convencido aos progresistas de que non hai camiños alternativos ao imperio do mercado e das novas tecnoloxías sen fronteiras nin límite ningún.

Máis a sangría electoral dos partidos da esquerda moderada evidencian que a sociedade non está polo labor de tragar o sapo. Por iso medran forzas alternativas. «O principal interlocutor ao que se dirixe a Marea é a clase media empobrecida. Eses pais e avós que progresaron con esforzo e hoxe non ven futuro para os seus fillos e netos», dicía hai un ano o actual alcalde coruñés, Xulio Ferreiro. Cal é entón o público dos socialistas?

O PSdeG tamén padece a desafección, claro, das capas da sociedade que se senten abandonadas. A súa perda de votos vén sendo brutal nas sucesivas convocatorias. As súas debilidades estruturais de sempre e os seus habituais enfrontamentos internos (sempre alegremente publicitados, non vaia ser) non fai máis que agravar o seu declive. Dramaticamente para un partido socialista, a opinión pública tamén os inclúe a eles cando tres de cada catro españois din que os dirixentes políticos só se preocupan polo deles. Tremendo.

E, así e todo, Galicia, coma o resto de España e de Europa, segue a precisar dunha opción reformista e progresista sólida e crible, porque se non, o mapa político queda coxo. As eleccións primarias nas que anda embarcado o PSdeG deberían abrir paso tanto a unha renovación profunda das elites dirixentes do partido (tan necesitadas de reciclaxe nas antigas escolas de socialismo) como a unha renovación non menos profunda de ideas e compromisos nidia e valentemente progresistas. Sen medo. Sen propostas descafeinadas. E, desde logo, reconectados coa xente.

Aire fresco, liderados novos e un partido cohesionado, comprometido e, sobre todo, depurado de tanta mala herba que o erosiona un día si e outro tamén.

Ofrecerlle á sociedade máis do mesmo cos mesmos só os vai levar ao desastre.

Ahora en portada