Sobreactuación parisina
Ao mesmo tempo que os medios contan a magnitude da manifestación de París, sabemos de novas matanzas provocadas polo islamismo radical. Os bárbaros que castigan Nixeria asasinaron 2.000 persoas na última semana. Maioritariamente musulmás tamén. O seu último invento diabólico consiste en empregar nenas-bomba para reventar mercados en horas punta. Tremen os dedos cando un escribe estas cousas atroces.
Noticias deste tipo son frecuentes xa nos puntos quentes onde actúan guerrilleiros islamitas radicais. Hoxe secuestran 200 nenas e mañá reventan unha escola ateigada de cativos. Todo vale na súa despiadada espiral de tolemia sanguinaria.
É lóxico que Europa reaccione indignada e horrorizada ante as matanzas de París, tanto pola súa carga de barbarie pura e dura como polo seu contido simbólico de afrenta á liberdade de expresión. Sen dúbida, Francia soubo canalizar o sentimento popular coa máis grande manifestación que recorda o país galo.
Unha consideración aparte merece a presenza na protesta de moitos líderes políticos estranxeiros. En primeiro lugar, porque entre eles había algún que sabe moito de terrorismo de Estado, polo que se require unha elevada dose de hipocresía para acudir á convocatoria para saír na foto.
En segundo lugar, pódese pensar se non hai unha certa sobreactuación política na convocatoria. Non é a primeira vez que golpea Europa o terror yihadista e, por desgraza, posiblemente non será a última. En España sabemos ben de que falamos, porque hai moi pouco tempo nos reventaron un tren ateigado de traballadores e causaron centos de mortos. E non se montou una resposta así. Tampouco, por certo, cando ETA reventaba cuarteis cheos de familiares dos gardas.
Os terroristas escolleron un obxectivo fácil e simbólico, pero a evidencia demostra que non necesitan demasiados pretextos, nin argumentos para matar. Foi un semanario satírico, pero unhas horas despois un supermercado xudeo. Foi un tren en Madrid, un autobús en Pakistán, un rañaceos de New York ou o metro de París. A súa non é unha batalla contra a liberdade de expresión, senon unha fanática guerra político-relixiosa-cultural contra Occidente, a súa cultura e a súa economía. Unha guerra que se libra en moitos escenarios (Pakistán, Nixeria, Palestina, Irak, Siria, Afganistán, etcétera) e que só de manera ocasional, simbólica e propagandística se leva á retaguarda europea. Porque non se esqueza que na loita directa contra o Estado Islámico, Al Qaeda e demais franquicias do terror participan directamente os países europeos, comezando por Francia e Reino Unido e seguindo por España.
O centro do problema está alí, naquelas frontes. Non aquí, nos suburbios de París ou en Parla. Aquí están as consecuencias. Alí as causas sociais, políticas e relixiosas. Aquí chéganos de cando en vez un trallazo como o destes días. Alí están as malalas e os musulmáns e musulmás vítimas masivas do terror yihadista.
Aquí temos, iso si, a nosa cota de descerebrados. Pero, como dixo o irmán do polícía musulmán francés a cuxa morte asistiu o globo en pleno, os tolos non teñen cor nin relixión.