Sanidade pública, negocio privado 

 

A sanidade e a educación públicas, nucleo básico do estado do benestar, son dúas das grandes preocupacións de todos. Mais na campaña electoral de decembro non se falou case delas e desta volta, sospeito, tampouco vai ser así. Logo dos drásticos recortes aplicados, deberían figurar como temas estrelas e centrar debates monográficos de primeiro nivel. Discusións serias, con datos, con propostas e con compromisos públicos. Con explicacións. Porque non, non tiñamos «unha sanidade por enriba das nosas posiblidades», senón, paradoxalmente, un dos gastos sanitarios máis baixos do mundo desenvolto (OCDE).

Artellado arredor da infumable xestación do novo hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo, a lectura de «A comercialización da saúde», libro coral coordinado polo doutor Pablo Vaamonde e que acaba de publicar a editorial Laiovento, deixa en evidencia que a sanidade é o talón de Aquiles da xestión do Goberno de Núñez Feijoo. Os datos que se resumen nesta investigación, asinada por médicos da organización SOS Sanidade Pública, abraian.

O orzamento sanitario reduciuse en Galicia nada menos que un 18%, suprimíronse preto de 1.800 postos de traballo na sanidade pública, dos que 500 coresponden a médicos, o que se traduce nunha notable perda da calidade asistencial. Baixáronse salarios, aumentáronse horas de traballo. Endurecéronse as condicións de traballo.

Pero así como a opinión pública é máis coñecedora do alcance dos recortes aplicados na atención sanitaria non o é tanto respecto das medidas privatizadoras que, aproveitando que o Miño pasa por Ourense, se foron adoptando nos últimos anos, para gloria de multinacionais, fondos de investimento e algún que outro listillo/a que pasaba por aí xusto no momento preciso. Non se trata só do cátering ou da limpeza, senón tamén de ambulancias, 061, esterilización de instrumental, protección radiolóxica, historia clínica electrónica ou laboratorios centrais. Pagamos o servizo e tamén os beneficios das empresas que os prestan, que non son ONGs.

¿Sabemos en que andamos cando se fala de «socios tecnolóxicos» da Xunta? Pois dunha peculiar modalidade contratual que permite que as mesmas empresas subministradoras da costosísima alta tecnoloxía que se emprega nos hospitais decidan que aparellos merca o Sergas, a que prezo e onde se poñen.

O despropósito orzamentario alcanzou o seu cumio na construción do novo hospital vigués, o Álvaro Cunqueiro (escritor, por certo, cuxa máxima vinculación coa sanidade foi o seu libro «Escola de menciñeiros«). O que, no deseño do bipartito progresista de Touriño, ía ser un gran centro médico para a bisbarra viguesa, cun investimento público directo de 400 millóns de euros, ao cabo vainos costar aos galegos máis do triple (preto dos 1.300 millóns). Ao chegar ao poder, o PP paralizou o plan e reconverteuno nunha xugosa colaboración público-privada. Irémola pagando nos orzamentos da comunidade autónoma a razón de máis de 70 millóns cada ano ata 2035. Entón, xa vello, o hospital pasará a ser propiedade da Administración galega. Un magnífico negocio para algúns, pésimo para Galicia.

Por se fose pouco, o proxecto hospitalario recurtouse ata tal punto que se suprimiu o laboratorio, se reduciu á metade o servizo de urxencias, se baixou un 31% o número de camas e outro tanto o de quirófanos, etcétera. O verán pasado, a indignación popular botou ás rúas de Vigo a 200.000 persoas, na maior manifestación da súa historia.

Peche de consultas, quirófanos e plantas hospitaliarias. Aumento das listaxes de espera. Arredor de 55.000 traballadores menos en toda España… Cómpre falar de sanidade. Pedir explicacións e esixir responsabilidades políticas, que para iso tamén son as campañas electorais.

Ahora en portada