Reformulación ou descomposición nacionalista? 

 

Nun contexto xeneralizado de inestabilidade e de incerteza, o Bloque Nacionalista Galego foi a primeira forza galega en poñer orde na casa para enfrontar un futuro difícil, que comezará axiña coa convocatoria de eleccións autonómicas (adiantadas ou non).

O BNG renovou executiva, pechou filas e marcouse o rumbo cunha carta de navegación máis ou menos clara que, segundo as súas previsións, haberase substanciar ao longo dos vindeiros doce meses. A nova cúpula está liderada por Ana Pontón. Primeira vez que unha muller encabeza unha forza política galega e, probablemente, primeira vez tamén que unha muller aspira á presidencia da Xunta. Xa ía sendo hora. As primarias socialistas dirán se a acompaña algunha outra muller na carreira presidencial.

O proxecto do BNG, aprobado na Coruña na súa XV asemblea, denomínase Adiante e acaba de ser presentado en público. Preténdese relanzar o proxecto nacionalista «ensanchando a base social» que o ha soster nos vindeiros anos.

A pretendida reformulación («aspiramos a ser a casa común de todos os nacionalistas», repite o manifesto de Adiante) tenta frear a descomposición evidente do nacionalismo nucleado arredor do BNG nas últimas décadas. Na crise de Amio (2012) abríronse fondas fendas no noutrora sólido Bloque, controlado ferreamente pola UPG. Marchou ata Beiras. Agromaron Anova e Compromiso por Galicia. Catro anos despois, coa UPG saíndo aos poucos do armario, o seu control ideolóxico, orgánico e estratéxico sobre o aparello bloqueiro sementou un desánimo tal que botou fóra algunhas figuras notables do BNG, como Anxo Quintana, Carlos Aymerich ou Ana Luisa Bouza e ata deixou incómodo (por razóns diferentes, certo) ao mesmísimo pai fundador Bautista Álvarez.

Adiante, o proxecto refundacional do BNG, convoca a «soberanistas, independentistas e galeguistas». Difícil convocatoria «aberta». A importancia cualitativa e cuantitativa dos que se foron cuestiona a viabilidade de que o Bloque volva ser casa común do nacionalismo. O BNG quedará cohesionado arredor da UPG, mais moi minguado e cunha liña de radicalidade que semella ir na dirección contraria á necesaria para abeirar nacionalistas non independentistas, federalistas, galeguistas e partidarios das confluencias preelectorais.

Cómpre recoñecerlle ao Bloque a coherencia da súa proposta nacionalista, sen aditivos, sen colorantes nin conservantes, e sen dependencias mesetarias. Nun escenario tan confuso e líquido (sobre todo á esquerda do PSOE) xa se sabe que, cando menos, o nacionalismo independentista presenta oferta clara. Ninguén dubida que nos comicios galegos haberá papeleta nacionalista, pero, hai alguén máis por aí?

A quen votará unha persoa galeguista liberal ou liberal galeguista? E unha progresista galeguista? E unha nacionalista moderada remisa á utopía da autodeterminación? E o sector nacionalista que ve imprescindible, por unha cuestión de axenda social, pactar neste momento con outras forzas da esquerda como Podemos&asociados, por onde navega, coa brúxula desconfigurada, a lancha de Anova e doutros restos do naufraxio nacionalista?