Por que a Marea Atlántica?

O pasado ano, a estas alturas, non pasaba pola miña cabeza nada parecido a ser candidato a proceso electoral ningún dos que se celebrarían durante 2015. A idea na que si viña matinando e compartindo con moitas persoas do meu entorno, de diferentes sensibilidades políticas, era a necesidade de que, particularmente nas eleccións municipais, se puidesen constituír candidaturas de unidade popular para plantar cara ás políticas austericidas que están a consumir as vidas de tanta xente. Tales candidaturas, pensaba naquelas alturas, deberían ser lideradas pola cidadanía, e terían que reunir no seu seo a todas aquelas forzas políticas que dun ou doutro xeito representasen xeitos de acción política alternativos á hexemonía neoliberal que está a conducir os nosos destinos dende a chegada daquilo que se deu en chamar crise, pero que, como cada vez máis xente alcanza a ver, é en realidade un proceso brutal de reordenación socio-económica, baseado na desposesión dos cidadáns comúns e na acumulación da maior parte da riqueza social por parte duns poucos.

Por isto, en canto souben da existencia dun grupo de persoas ás que non só esta idea tamén lles roldaba pola cabeza, senón que estaban dispostas a levala a cabo na cidade da Coruña, non dubidei en unirme a elas no que, ao longo do mes de xullo de 2014 demos en chamar a Marea Atlántica.

Dende aquela adiquei, como moitos outros veciños e veciñas da Coruña, horas, esforzo e ilusión a artellar o que hoxe, sexa cal sexa o resultado electoral nas vindeiras eleccións, xa se pode considerar todo un éxito político. Un proceso de confluencia que, tendo en conta todas as organizacións que lle prestaron o seu apoio (Esquerda Unida, Anova, Podemos, Equo, Espazo Ecosocialista, Compromiso por Galicia, Partido Humanista), e a cantidade de persoas que dun xeito ou outro se senten partícipes do mesmo, atópase, de certo, entre os máis potentes do estado español. Durante estes meses houbo momentos mellores e outros peores. Tivemos grandes acertos, e algúns erros tamén, propios de quen explora camiños descoñecidos e, por que non dicilo, faino dende o amateurismo e a necesidade de compatibilizar o traballo político co profesional e a vida persoal e familiar.

Pero non temos dúbidas de estar a construír o que para grande parte da cidadanía da Coruña é unha esperanza de que a actuación nas institucións pode facerse dende parámetros diferentes aos que estamos afeitos a observar: dende a honradez, a defensa do interese da maioría, a participación cidadá, e o convencemento de que as estruturas políticas son inútiles se non serven para asegurar unha vida digna a toda a sociedade. Isto, que non debera parecer nada extraordinario é o que levou a moitos e moitas de nós a dar un paso adiante e comprometernos na Marea Atlántica. Porque somos moitas as que pensamos que podemos facelo moito mellor e de xeito moito máis ético do que o fan aqueles que nos conduciron até aquí e que semellan só pensar nas súas posibilidades de seguir alimentándose deste sistema en descomposición.

Por todo isto, e por moito máis, acredito na Marea Atlántica e confío nas xentes que nela traballan para liderar o goberno da Coruña a partir do vindeiro mes de maio. Por todo isto e por moito máis, porei o meu grao de area neste proceso colectivo encabezando a candidatura que presentaremos ás videiras eleccións municipais. Porque hai Marea!

Xulio Ferreiro é candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña