Pontón gaña, Feijoo resiste

 

Son moi escéptico sobre a funcionalidade de debates omnibús como o deste luns entre cinco dos candidatos a presidiren a Xunta (faltaba, non sei moi ben por que, o de Compromiso por Galicia). Se, ademais, o formato encorseta de tal xeito a opción de discutir de verdade, máis alá de previsibles monólogos cheos de retórica, o resultado vaille ser pouco útil a eses máis de 700.000 galegos e galegas que, segundo as enquisas, aínda non teñen claro que papeleta escoller o vindeiro 25 de setembro.

Debates imposibles, problemas apenas enunciados e obsesión por atinar cunha boa labazada dialéctica («zasca», en argot presentista) para obter algún rédito electoral e tirar beneficio da disposición da xenerosa audiencia para escoitar propostas e críticas claras e minimamente rigorosas, á marxe de prólogos máis ou menos literarios ou de simplismos como os da extraterrestre que Ciudadanos presenta como candidata (non me extraña que non acerten nin a colocar ben a bandeira galega, nin a escribir unha frase correcta en galego no seu autobús de campaña, que peniña!).

O meu fillo está entusiasmado porque este ano vai estudar oratoria na ESO. Boa falta nos fai a todos, porque o debate evidenciou de novo esta eiva da nosa clase política. Coido que non se pode discutir que foi Ana Pontón quen demostrou ser a mellor da clase, con táboas, con empatía, con clareza e seguridade. Nótase a experiencia.

Había expectación por ver como se manexaba o candidato de En Marea, o maxistrado Luís Villares. A cousa está verde, moi verde, como non podía ser doutro xeito nunha candidatura argallada tan ás presas. Falta experiencia e botouse en falta a preparación específica para o debate. Se lle sumamos a inexistencia dun programa preciso, compréndense aínda máis as inseguridades e as xeneralidades do candidato lucense.

Non se presentaron moitas propostas. O todos contra Feijoo (os tres candidatos da esquerda non se pisaron a mangueira) resolveuno o candidato do Partido Popular co seu hábil manexo das estatísticas e o seu habitual recurso ao contraataque, mesmo persoal, que tan ben prepara e practica. Viuse acurralado coas aguilloadas, por mor da corrupción que enfanga o seu partido, pero non saiu machacado deste trance.

Quen puxo máis programa sobre a mesa foi o líder socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga. Pero a oratoria tampouco é o seu. Por iso non loce nin sequera cando, ao falar de economía, o debate podía coller algo de altura.

Feijoo resistiu. Ten unha moi sólida base electoral que non creo minguada no máis mínimo logo do debate televisivo. Entendo ben que a súa gran preocupación sexan eses miles de votos que se van «perder» cara a Ciudadanos sen lle dar aos de Albert Riveira algún hipotético e valioso escano en que se apoiar, caso de lle facer falta.

E unha postdata. Seica a débil situación da lingua galega non é problema. Case nin se mencionou. A candidata de Ciudadanos, paracaidista dos cenáculos mesetarios, nin se molesta en usala.