Os restos do textil galego

Inditex e os demais. Calquera estatística de empresas de Galicia, habería deducir o fenómeno Inditex para poder extraer conclusións fiables. Basicamente, para non nos enganar. Facilitaría as análises, por exemplo, crear un CNAE autonómico propio onde encaixar o universo Inditex

Caramelo únese ao tristemente nutrido conxunto de empresas galegas de confección que pechan as súas portas. Produce unha mágoa profunda visitar as tendas de Caramelo en liquidación. É o fin dun calvario que comezou anos atrás e que durante un tempo albiscou a salvación da man redentora de Manuel Jove. Polo medio desapareceron aqueles comercios emblemáticos de La Base ou Pidolti. Perdeuse outrosí Antonio Pernas, firma que durante anos representou un dos símbolos máis visibles da moda galega.

A coruñesa Caramelo pecha polo momento unha longa serie na que lembramos a ferrolá Unicén, a ordense Viriato, a boirense Jealfer que tenta agora renacer, ou a lalinense Montoto. E dicimos «polo momento» xa que son coñecidos os graves problemas polos que pasaron, ou pasan, outras senlleiras compañías como Adolfo Domínguez, Kina Fernández, Roberto Verino, Alba Conde, Selmark ou Guerral.

Emporiso vemos como marcas que compiten nos segmentos alto e medio-alto (onde se sitúan a maioría das empresas citadas no parágrafo anterior) amosan un pulo comercial importante e continúan medrando en presenza de mercado e facturación. Non semella que o problema sexa de posicionamento: entre Massimo Dutti e Armani, existe un amplo mercado no cal desenvolverse.

Onde se localiza xa que logo o problema esencial? Por que hai quince anos si e hoxe non? É que as marcas Inditex barren con todo? É que o modelo, se hai un identificable, peca de erros estratéxicos insalvables? É que as equivocacións tácticas e de xestión son contaxiosas? Cal é a razón da desfeita? A crise non pode ser a resposta porque toda crise, por definición, supón un fenómeno conxuntural; e porque o sector de confección español leva gañando cota de mercado no mundo dende 2012.

Sería irresponsable procurar identificar neste artigo as razóns para tanta adversidade. Pediriamos cando menos unha reflexión e toma de conciencia común entre o noso goberno e o conxunto do sector.