O retorno do «autónomo» Quintana
Anxo Quintana, ex líder do BNG, anda estes días de xira mediática. Volve Quintana? Uns anos despois de desaparecer abruptamente da escena política, o político alaricano asegura querer remexer as augas estancadas do galeguismo-nacionalismo. Cre que cómpre activar un «movemento cívico» para xerar debate, facer política e activar o compromiso político. En particular, con vistas a que Galicia recupere peso específico na política estatal se no futuro inmediato se enfronta unha reforma constitucional.
O ex vicepresidente da Xunta –agora empresario autónomo– sostén que cómpre ter «un novo instrumento». Aínda non está claro o obxectivo final. Un círculo de pensamento? Unha marea máis? Un think-tank? Unha fundación? O embrión dun novo partido político? Hase ver. Quintana dixo esoutro día na Radio Galega que os promotores «non se poñen límite». E vén cun discurso de amplo espectro, «transversal», porque pretende mobilizar non só nacionalistas convictos e confesos, senón tamén galeguistas en xeral, sexan ou non nacionalistas, falen ou non en galego…
Talvez o éxito de Podemos teña que ver coa idea deste «movemento cívico». Quizais sexa unha réplica ao terremoto que están a provocar na política española as xentes de Pablo Iglesias. En todo caso, calquera revulsivo, calquera dinamizador da política debe ser sempre benvido. Con máis motivo neste tempo de desafección que, paradoxalmente, necesita de moita política. Da boa, claro.
O ámbito político do galeguismo/nacionalismo leva tempo coa paletilla caída. Na dereita segue sendo un espazo sen ocupar. Na esquerda fan estragos as divisións e as fondas diferenzas de estratexia. O BNG mantén nos últimos tempos unha liña de coherencia doutrinal arredor da defensa do soberanismo, malia saber que esa é unha opción moi minoritaria na sociedade galega. Xa que logo, non lle irá mal ao nacionalismo a procura dun chisco de luz para saír do túnel onde se atopa.
O «instrumento» apadriñado por Quintana chámase «Somos nós», na liña das primeiras persoas do plural de moda nos movementos políticos actuais (Ganemos, Podemos…), mais cunha chiscadela para aqueloutro movemento cultural da Xeración Nós. Quintana insiste na «transversalidade», malia que os poucos nomes de compañeiros de aventura que trascenderon son militantes do BNG. Daquela, o seu primeiro reto será convencer á opinión pública de que non se trata dunha sibilina manobra bloqueira para recuperar espazo político. Ou, no seu caso e malia xurar e perxurar que non quere volver á política, tranquilizar á actual dirección do BNG, no vaia pensar que Quintana vai (perigosamente) de autónomo.