O portarretratos de Feijóo

Dicía Montgomery, mariscal británico da II Guerra Mundial, que un xeneral sempre debe tratar de coñecer a mentalidade do seu principal opoñente. Por iso el sempre tiña a man unha foto do seu gran rival, o xeneral alemán Erwin Rommel. “Eu –argumentaba Montgomery– adoitaba estudar o seu rostro, por se podía sondar a súa probable reacción diante de calquera acción miña”.

Poderiamos preguntarnos que foto ten o presidente Feijóo no seu ben amoblado paciño de Monte Pío. Que dirixente encarna a oposición ás políticas que aplica Feijóo? Con, ou contra quen se mide no debate ideolóxico? Quen lle canta as verdades do barqueiro? A que adversario teme, se é que teme algún? Quen lle afea os seus incumprimentos e os seus fracasos?

Se cadra Feijóo mercou o marco montgomeriano (cando menos virtual), mais custa traballo crer que chegase a lle incorporar a imaxe de alguén.

Porque mentres o presidente da Xunta exerce un liderado incuestionado no Partido Popular e, xa que logo, no centro-dereita galego, na bancada oposta non emerxe unha réplica que estea á altura das circunstancias. O máximo dirixente socialista, Gómez Besteiro, non é deputado, como tampouco a faciana visible do BNG, Xavier Vence. Sen dúbida, trátase dun obstáculo importante. Ambos acreditan prestixio persoal, pero mentres Besteiro se enreda nas liortas internas, Vence encabeza un nacionalismo radicalizado e hipnotizado por un proceso catalán de imposible tradución galaica.

Con Beiras facendo un progresivo mutis da escena política, Anova maréase no seu propio labirinto e Esquerda Unida só ofrece o destemperado e barulleiro protagonismo de Yolanda Díaz.

A esquerda está cada vez máis fragmentada en forzas dispersas e inoportunamente axitadas por mareas máis ou menos vivas e por novas organizacións emerxentes. Non se lle pode negar pluralidade á esquerda, non.

Feijoo reina placidamente na dereita e aínda se permite a habilidade –talvez sincera– de revestirse con roupaxes centristas e desmarcarse de cando en vez da ultraortodoxia conservadora imperante en Madrid.

Na división da esquerda radica a súa comodidade aos mandos da política galega. Non ten foto para seguir o exemplo de Montgomery. Tampouco lle fai falta. Por iso os debates parlamentarios deviron en aburrido trámite, salferido, como moito, dun par de encontronazos chocalleiros.