O medio como factor económico de futuro

En dous traballos que tiven a ocasión de desenvolver nos últimos meses, destacamos o protagonismo que debería xogar a “economía do medio” nas políticas a deseñar e implantar tanto por parte do goberno galego como polos principais concellos –e mesmo deputacións– do país.

Baseabamos a nosa proposta en dous factores relevantes: o primeiro, o convencemento de que o executivo autonómico e máis os gobernos municipais e provinciais (estes mentres existan) haberían ser a forza motriz da recuperación –máis ben, da transformación– económica de Galicia. Esta crise confirmou a incapacidade do sector privado propio para xerar unha dinámica produtiva solvente suficiente como para propiciar o progreso do país e fornecer aos seus cidadáns das requiridas oportunidades de traballo. E demostrou tamén que a típica posición reactiva da acción política, esa que intervén nada máis que cando os problemas lle estoupan na faciana, representa unha postulación a prol da continua decadencia de Galicia.

Semella preciso, xa que logo, trazar unha política económica que promova proxectos e investimentos o que tal implica determinar as actividades que permitan obter un maior retorno. Velaí o segundo factor que alenta a nosa proposta: o chamado sector medioambiental, esa industria dedicada á preservación dos recursos e a contorna natural, figura como unha das actividades cun meirande potencial de crecemento. Por outra banda, Galicia ofrece uns activos ecolóxicos de elevado valor. Nesta intersección entre capacidade de desenvolvemento e calidades dos factores endóxenos descansa unha grande oportunidade para o país que polo momento ninguén parece disposto a aproveitar.

Podemos concretar. Hai poucas datas, recibimos información sobre a política que unha cidade, Estocolmo, está a poñer en práctica en torno ao medio, a cal actúa de acicate para o desenvolvemento dunha industria local especializada con indubidable proxección internacional.

Na capital sueca cobren a demanda de enerxía de calefacción a partir dun sistema alimentado por los propios residuos que xera a urbe; as fachadas dos edificios están equipadas con paneis solares que satisfán as necesidades enerxéticas das vivendas e mesmo se utilizan noutras aplicacións da cidade; os baños nútrense da auga da choiva; disponse dun amplo servizo de alugueiro de coches eléctricos; os autobuses urbanos operan con biogás e etanol; o conxunto do deseño en mans do Concello observa uns estritos criterios de eficiencia enerxética; está prohibido o uso de materiais coma cobre ou PVC; instalouse un carril bici ao longo do cal se chega a calquera curruncho da metrópole; un dos seus distritos, HammarbySjöstad, está considerado un exemplo integral de “greencity”. En fin, Estocolmo acaba de recibir o EuropeanGreen Capital Award que a recoñece como a cidade plenamente ecolóxica que é.

Para os gobernos con capacidade de actuación en Galicia: tomen o exemplo de Estocolmo u tantos outros similares; engadan o papel da Universidade na revolución da economía do medio e terán posto a primeira pedra para o abrollo dun sector de gran potencial a prol do desenvolvemento do país.