O destino esférico de Feijoo

 

Alberto Feijoo sempre mantivo que dous mandatos na Xunta abondaban. Non teño razón para dubidar de que era iso o que pensaba cando tal cousa declaraba. Non tiña por que autolimitarse. Podía non dicir nada. Daquela, o seu obxectivo político –lexítimo e comprensible– era dar logo o salto á política estatal, pelexar o liderado do Partido Popular e aspirar a durmir uns anos en La Moncloa. Nestes anos dosificou a súa presenza nos medios madrileños e mantivo vivas as relacións políticas e empresariais ao máis alto nivel. Encadrado na liña do PP máis centrista, procurou falar sempre con voz propia en asuntos relevantes. Iso si, sen se saír nunca do rego conservador nin rebelarse contra as duras políticas de axuste marcadas polo goberno de Rajoy.

Cando menos de momento, a evolución dos acontecementos en Madrid estragou os plans de Feijoo. Mentres presionan para que Rajoy se aparte, algúns medios informativos madrileños (onde o presidente galego tamén tiña enemigos de peso) dan por liquidada a súa carreira na política española. Xa se publicou algunha enquisa para establecer que a militancia conservadora prefire a Soraya Saénz de Santamaría. Por Feijoo nin preguntaron.

De verdade quedou sen opcións Feijoo no liderado do PP español? Por que non deu antes o salto a Madrid? Que pasou para que, case de repente, abandonase tal opción? Aínda está por contar a historia miúda das conversas, negociacións, presións, tenteos, alianzas e batallas que o forzaron a renunciar. O triunfal reenganche de Feijoo na política galega agocha como pode o que en realidade é un fracaso. Está ben o da «chamada» de Galicia e o de estar «a disposición de Galicia». Mais ese non era o cronograma previsto polo político ourensán.

Vanse repetir as elección españolas. Sería sorpresa grande que Rajoy se retirase no último minuto. Xa advertiu que ese non é o seu estilo. Xa que logo, os resultados do PP e as negociacións posteriores para formar goberno determinarán se chegou o momento de substituír o cachazudo e plasmático presidente español. Que pasará se para daquela Feijoo revalidou a maioría absoluta en Galicia?

Tería que suceder que Feijoo adiantase as «súas» eleccións e as fixese coincidir cos comicios xerais. Semanas atrás negaba esa posibilidade, pero hai uns días, en El Correo Gallego, admitía que o adianto a xuño (en vez de outubro) é unha opción que «está sobre a mesa». Non o considera «de momento».

Tería que suceder que Feijoo volvese arrasar. Unha enquisa do ABC di que anda cerca de conseguilo. A maioría da sociedade galega semella disposta a lle perdoar os fortísimos recortes en sanidade (18% menos) e educación e asuntos como as súas fotos cun coñecido delincuente ou o malgasto na construción e xestión do novo hospital de Vigo. A división, a debilidade e a falta de liderados sólidos na esquerda póñenllo máis fácil.

Tería que suceder que o líder galego se desdicise do seu «compromiso ata 2020» con Galicia. Unha boa operación de márketing político arranxaría ese problema, como acaba de o facer para disfrazar o incumprimento da súa promesa de só dous mandatos. Agora sería, por exemplo, a chamada de España, o momento «especial» ou mesmo as sorpresas panameñas que están por vir.

A política é así. Feijoo segue aí. Non está escrito o seu epílogo político porque, á marxe de ideoloxías, el é un bo político do centro-dereita. O destino dá moitas voltas. Dalgún xeito, como sostiña Baudrillard, ten forma esférica: talvez canto máis parece afastarse Feijoo dun punto, máis se está a achegar a el.

Ahora en portada