O desprezo da marca

Por motivos que non veñen a conto, explícanme estes días o proxecto Eusko Label vixente no País Vasco. Eusko Label é unha marca que utiliza o sinal gráfico K para identificar e distinguir aqueles produtos agroalimentarios producidos, transformados e/ou elaborados en Euskadi que cumpran uns requisitos de calidade, especificidade ou singularidade.

Eusko Label xestiónase polo organismo Hazi de Desenvolvemento Rural, Litoral e Agroalimentario de Euskadi e constitúese con catro obxectivos básicos:

Garantir ao consumidor un esixente nivel de calidade.

Permitir ao consumidor identificar a orixe e autenticidade dos produtos.

Defender o labor dos produtores vascos. 

Promover a produción de calidade.

A marca Eusko Label lembra a Galicia Calidade, cunha diferenza sensible: mentres que Galicia Calidade apenas ten presenza nas góndolas dos supermercados e hipermercados galegos, Eusko Label espállase con ampla visibilidade polos establecementos vascos. Enténdese que un produto local será máis apreciado polo consumidor ca outro artigo de fóra. Dalgún modo, considérase un xeito de defender o propio e promover a riqueza no territorio. Unha idea presente no comercio de Euskadi que se ignora en Galicia.

Un exemplo vivo desta realidade atopámola nese supermercado galego que nos anima cada Nadal a «vivir como galegos». Crearon un símbolo para identificar os produtos do país, unha cuncha de Santiago, que apenas utilizan e cando o fan é de xeito ben discreto. Como dicindo, algún produto galego vendemos pero que non se note demasiado. E así, por exemplo, o kiwi asturiano está rotulado orixe ASTURIAS mentres que o de Pontevedra di ESPAÑA. Para diferenciar as patacas galegas e as de Burgos hai que preguntar á empregada pois ámbalas dúas están rotuladas tamén ESPAÑA. E así sucesivamente…

O caso anterior é máis ca unha anécdota. Nunca sucedería en Euskadi ou Cataluña onde os seus produtos están identificados de maneira ostentosa nos respectivos puntos de venda que ademais inclúen con frecuencia información das bisbarras de procedencia. A nosa actitude de desdén cara aos nosos produtos empeza na propia Administración. Aínda recordamos a campaña de promoción de produtos españois que realizou a Xunta polo país adiante tal que lle fose indiferente fomentar o consumo de artigos estremeños, manchegos, valencianos ou, en efecto, galegos.

Outro exemplo de singular gravidade é o caso da marca Xacobeo. Dende a disolución da sociedade xestora, a Xunta deixou de utilizar esta marca que mereceu tanto esforzo de creación e difusión. De feito, hoxe mesmo calquera busca do termo Xacobeo conduce a páxinas do Camiño de Santiago. Alguén debería ser consciente en este país de que as marcas, así como as linguas propias, inxectan un valor engadido nos produtos e servizos e supoñen un estímulo extra nas políticas de comunicación. Introducir unha marca supón un mérito importante; deixar que se apague o seu efecto, unha torpeza inconcibible.

Ahora en portada