No túnel catalán

 

Á saída do colexio, abondaba que alguén berrase aquelo de «parvo o último» para que tododiós apretase a correr coma un tolo. Ninguén quería quedar en tan deshonrosa posición nun sprint improvisado e sen meta predeterminada. (Xa se poden imaxinar que, ás veces, o adxectivo non era precisamente «parvo», senón algúns de connotacións máis despectivas). Sempre había quen protestaba por non partir en igualdade de condicións (porque estaba de costas, porque lle pesaba a carteira ou porque o colleran baleirando a vexiga). Outros aproveitaban a iniciativa e poñían a meta onde a eles lles petaba ou onde lles resultaba máis beneficioso.

Esa imaxe é unha das que se me veñen á cabeza cando sigo, nada sorprendido, á escalada sen freo do conflito catalán. Danse pasos, anúncianse decisións graves e sobe a tensión. Semella que, con fatalismo anunciado, vaise producir, no medio dun túnel, o tan temido choque de trens do que ninguén vai saír ben parado. Nin os cataláns nin o resto dos españois.

Na carreira secesionista ninguén semella querer quedar de último, mesmo a costa de manter en público unha seguridade que se esvaece en privado. Porque, quero supoñer que, malia proclamas e perigosos desafíos, todo o mundo sabe que, ao cabo, Cataluña non vai ser independente. O Estado, con todos –todos, si– os instrumentos legais e coercitivos na man non vai pasar por aí. O rei Juan Carlos (por certo, xefe supremo do Exército) díxoo xa cando a marea soberanista comezaba a subir: é unha quimera. Como o monarca estaba xa en horas baixas, non se lle prestou moita atención.

O Goberno de Rajoy vén actuando neste tema coa prudencia que non tivo cando desde a oposición alentou unha irresponsable campaña anticatalá. Porque, sabedores da imposibilidade de alcanzar o seu soño, nada fortalecería máis o nacionalismo independentista que o uso precipitado de medidas coercitivas.

Rajoy, Sánchez e Rivera escenifican unha posición común na defensa da unidade territorial. Pola súa parte, os de Podemos andan perdidos no seu labirinto, sen saber moi ben se son de esquerdas, de dereitas ou mediopensionistas. Se socialdemócratas ou antisistema. Se defenden a unidade do Estado ou o dereito a se ir.

Mais nalgún momento terá que se impoñer o cru realismo fronte aos xestos magníficos para a Historia. Daquela, a actual elite dirixente catalana terá que parar o carro. Vai ser difícil, porque, alcanzada esta aloucada velocidade de cruceiro, ninguén vai querer dar marcha atrás e asumir esa responsabilidade, non sexa que pase á historia do irredentismo catalán como pusilánime ou entreguista.

Funcionará dalgún xeito a oferta da reforma constitucional para «encaixar» a «singularidade» catalana? O PSOE tomouse a molestia de formular unha proposta seria, de corte federalista, para reformar a Constitución con ese obxectivo fundamental. Tamén con outros aos que se lles debería prestar máis atención (renda mínima vital, dereito á vivenda, independencia xudicial) pero a cuestión territorial hexemoniza lamentablemente a axenda política. En cambio, o Partido Popular non vai levar no seu programa electoral ningunha proposta sobre reforma constitucional. Entre outras cousas, porque se nega a negociar «baixo a chantaxe soberanista».

Así as cousas, moito ha mudar a situación para que se impoña unha vía negociadora. Non vexo ás forzas estatais aceptando unha reforma que lle abra a porta ao dereito de autodeterminación. E, igualmente, despois de chegar onde chegaron, non albisco os nacionalistas cataláns pactando unha reforma que non recoñeza ese dereito, agora chamado a decidir.

Mentres, a vida segue. A pé de rúa (española e catalana), a mocidade busca traballo ou apanda con empregos escravos, os nosos mellores cerebros emigran, os soldos encollen, os copagamentos mantéñense e os recortes orzamentarios «políticos» degradan os servizos públicos básicos.