Galicia sen pulso

 

Os focos non saen de Madrid. A gran representación non acaba de rematar. Aínda imos ter leria «estatal» para unha temporada. Lóxico. Sempre a formación dun goberno polariza a atención. As circunstancias actuais, cos atrancos aritméticos, vetos, postureos, idas e voltas acaban por descentrar o público das bancadas, mais ninguén deixa de estar atento á pantalla.

O hiperinterés en Madrid e, por suposto, no que vai acontecendo en Cataluña, manteñen en segundo plano a axenda política especificamente galega. E iso que este mesmo ano, dentro duns meses, haberanse renovar o Parlamento e a Xunta.

A estas alturas, por non ter, non temos nin sequera candidatos. Certo que o que pase na política española influirá moitísimo no escenario autóctono, pero, aínda así, non deixa de resultar bastante anómala a situación de Galicia. Nin PP, nin PSOE, nin BNG, nin En Marea, nin Ciudadanos. Estamos descabezados. O Partido Popular é o único con líder indiscutible, mais está por decidirse se Alberto Núñez Feijóo volverá concorrer como candidato a presidente da Xunta ou non. Que sucede?

Non hai unha casuística única para esta sorprendente situación, que reflicte un país de febles estruturas políticas. O PP adoita decidir «por arriba» o seu candidato e está a espera de se Feijóo da ou non da o salto a Madrid. El di que con dous mandatos (os que leva en Santiago) «debe chegar». Debe. Xa se verá. Dependerá de se o PP perde La Moncloa e, en todo caso, de como evolucione a situación interna no seu partido, con un Rajoy xa insostible a día de hoxe.

O PSOE galego vai ir a primarias, pero os problemas xudiciais do seu actual líder, Gómez Besteiro, impiden saber nin sequera se el será un dos concursantes.

O BNG anda en proceso de refundación. Hai indicios de que pode volver sufrir unha escisión ou cando menos unha perda importante de unidades. Mentres, Anova, Podemos, IU e as Mareas manteñen a intención de aproveitar o vento favorable e volver xuntos ás urnas. Xa se verá e, en todo caso, teñen pendente o correspondente «casting» para elixir candidato. Non será fácil.

O foco permanece, si, en Madrid. Iso beneficia a Feijóo, que non acaba de recibir malas noticias. Por moito que se edulcoren, os datos macroeconómicos de Galicia non resisten a comparación cos estatais. Tanto, que mesmo nos costa coller o rebufo da recuperación económica, que non se traduce en postos de traballo nin recuperación salarial.

Por se fose pouco, o previsible mostrario de Feijóo para o caso de ser candidato de novo vai sufrindo duros contratempos. Non podería presumir da construción dun novo hospital en Vigo, porque é un exemplo de negocio ruinoso para as arcas galegas (co que acabaremos pagando en vinte anos facíanse dous hospitais). A conexión mexicana, tan traballada para insuflarlle osíxeno aos estaleiros, desinfla por mor da crise de Pemex. Por moito que vente, o sector eólico non sae dos remuiños xudiciais en que o meteu a propia Xunta. O sector lácteo, tan importante en moitos feudos populares, segue alporizado e moi cabreado cos gobernos central e autonómico. Co PP, daquela.

Panorama espeso para Feijóo. Incerteza política absoluta para Galicia. Un país sen pulso.