Galicia, sen máis!
A galeguidade é un sentimento e ser galego un orgullo. Penso que a maioría nos identificamos con esta idea, sen engadirlle outro tipo de connotación. Hoxe, 25 de xullo, é o día da nosa Galicia, da nosa esencia, da nosa cultura, do noso xeito de ser, eludindo a derivación política que algúns lle queren dar. Simplemente, dicir que están errados, unha vez máis, os que queren facer da festa do 25 de xullo un acontecemento nacionalista-separatista. Alá eles.
Que nos vén á mente cando pensamos na nosa terra? Persoalmente, ao ser do interior, o primeiro pensamento que teño é o verde de Galicia. Pero ó certo é que temos todo o necesario para sentirnos orgullosos de onde nacemos. A nosa paisaxe é incomparable, a nosa gastronomía é dunha calidade excepcional. As nosas rías, as nosas praias de area branca mesturadas co azul cristalino das nosas augas, na costa e tamén nos ríos. A tranqulidade e a xenerosidade da nosa xente, a nosa envexábel calidade de vida. As festas nas que sentimos a calor de amigos e veciños.
Vivimos nun paraiso que non valoramos abondo. Por iso, Galicia non debe e non pode perder o tren do progreso. E cómpre que suba ao vagón conservando sempre as súas singularidades, o seu galeguismo.
Ainda non logramos un cambio no tecido produtivo que posibilite que a xeración mellor formada da nosa historia non teña que marchar por falta de expectativas laborais.
A Administración autonómica tampouco soubo frear a preocupante sangría demográfica que nos leva cara unha Galicia sen galegos que a habiten. Abonda con comprobar os centos de vilas e aldeas que quedaron baleiras e os miles de núcleos rurais que só teñen entre un e tres habitantes, segundo o Instituto Galego de Estatística. O avellentamento da poboación, o éxodo rural e un tipo de organización dispersa do territorio contribuiron a unha Galicia interior desértica. Tamén un sector agrogandeiro no seu peor momento en décadas, unha industria deslocalizada que ainda hoxe carente de infraestruturas loxísticas axeitadas.
Hoxe quixera poñer en valor á industria agroalimentaria galega. Cómpre que contribúa decisivamente á dinamización do medio rural, á súa sustentabilidade e mellora, e a creación de emprego. Deste xeito, devirá nun sector estratéxico da nosa economía e desenvolvemento rural.
Dende fai xa algún tempo, as nosas empresas compiten nun mundo onde non abonda con ser eficiente. O novo escenario ten moita oferta para tan pouca demanda. O cliente manda e chegou o momento de facer o que os outros competidores non fan, o momento de que cada empresa busque a súa posición única no mercado. É o momento de potenciar a innovación.
O investimento en I D I e o cambio tecnolóxico foron cobrando importancia ano tras ano nas políticas económicas dos países e nas decisións estratéxicas das diferentes compañías. A innovación é un elemento de competitividade fundamental: a calidade, a seguridade e a trazabilidade dos produtos son clave. O proceso de innovación considéranse o principal motor do crecemento económico nos países avanzados.
Son moitos os retos que nos agardan. Desafíos que nos farán reflexionar sobre quen son as persoas axeitadas para afrontalos. Este é o escenario económico, social e demográfico que deben encarar as persoas que queirar puxar con forza, constancia e habilidade do noso paraíso na terra, Galicia.
Benito Iglesias é presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias