Galicia en Europa
Galicia, país atlántico a onde chegaron celtas e suevos, leva nos xenes a súa vocación aberta e universal. A ruta xacobea con destino en Compostela incidiu de xeito crítico na súa relación con Europa. Xa os primeiros galeguistas incluían o europeísmo cultural e integrador como esencia do seu pensamento. Hoxe en día, formacións emerxentes como Compromiso por Galicia fan gala desa tradición que semellan pór en dúbida organizacións nacionalistas de máis longa historia. Como debe evolucionar a vinculación Galicia – Europa?
Debe recordarse que trala incorporación de España á daquela chamada Comunidade Económica Europea, Galicia experimentou un período de modernización e progreso sen antecedente. Mais tamén habemos lembrar o elevado custo que a devandita integración supuxo para actividades clave como a produción láctea (a agrogandeira en xeral), a pesca ou a construción naval.
Talvez a reconversión destes sectores se tería levado a cabo igualmente por motivos de mercado. Outrosí resulta certo que Galicia foi utilizada, e segue a selo, como moeda de cambio para acadar mellores condicións en cultivos e produtos industriais con maior presenza noutras Comunidades Autónomas españolas.
Mirando cara adiante, o futuro do País depende en gran medida do que suceda nas eleccións do 25 de Maio. En primeiro lugar, a propia política económica europea, obstinadamente centrada nese mantra da austeridade, pode virar cara a estratexias de crecemento e emprego se se impoñen no Parlamento as opcións progresistas. O cambio de orientación en materia económica resulta crucial para unha Galicia inmersa nunha crise de inusitada gravidade tal como refliten as cifras terribles de paro e emigración.
Estas eleccións serán así mesmo claves para a asignación de fondos estruturais, para os plans plurianuais de I D, para a nova Política Agraria Común (asuntos capitais coma a estratexia de axudas ou a xestión post-cota láctea), para a evolución das distintas pesqueiras, ou para a posición comunitaria respecto dos estaleiros galegos.
Por suposto que a actividade e eficacia do propio goberno galego, claramente en cuestión, revélase o factor esencial para o tratamento óptimo aos anteriores asuntos. Pero igualmente certo é que a elección de eurodeputados resulta dunha relevancia similar. Velaí a transcendencia de contar na Cámara europea con representantes directos de Galicia, o cal so se pode alcanzar, guste máis ou guste menos, a través das formacións políticas con base nesta terra.