Empantanados

A corrupción (política, financeira, empresarial) é un problema, si, pero malia a súa obvia gravidade e o discurso evasivo que pretenden impoñer certos grandes medios, non é o problema fundamental. Indigna, si, a sucesión ininterrompida de escándalos que agroman: tarxetas negras, Bárcenas, ERE, Gürtel, Pokémon, Zeta, Pujol&family, Granados… Irán saíndo máis e medrará o cabreo cidadán. Hase ver se as institucións concernidas (políticas, financeiras, empresariais) son quen de tomar as medidas de fondo calado imprescindibles para previr semellantes desvergonzas. Leis, fiscalizacións, controis, transparencia e todas esas cousas das que se está a falar estas semanas e que non acabamos de ver concretadas por ningures.

Con ser tan grave o que estamos a saber (que o é) as cúpulas dirixentes (políticas, financeiras, empresariais) harán ben en non se enganar: a crise evidencia as inxustizas que xera determinado xeito de entender a economía de mercado. A crise revela o crecemento intolerable da desigualdade entre os que máis gañan e os perdedores. A crise deixa sen futuro a media mocidade española. A crise amplía os dominios dese outro mal corrosivo que se chama precariedade indefinida. A crise mingua, e de que xeito, os efectos balsámicos propios do estado do benestar. A crise chámase aquí, en Galicia, en España, paro masivo, desemprego prolongado.

Pode que algunhas destas cousas desaparezan dos titulares. Pode, tamén, que o Goberno e Xunta teimen en tomarlle o pelo ao persoal repetindo parvadas insultantes como que a crise é cousa pasada ou que «este Nadal será o da recuperación» (plasmático Rajoy dixit). Pode que dirixan o foco e as baterías a Podemos, como catalizador de todos os males de corte venezolano que están por vir.
Pode. Máis, na xente de a pé vai callando a idea de que as moitas e graves consecuencias da crise vanse quedar entre nós para moito tempo. Intúese que aquela famosa «refundación do capitalismo» proclamada polos grandes era só un eslogan, baleiro de contido e con menos percorrido que unha tartaruga coxa.

O malestar non diminúe. Non é só a corrupción… O sistema corroe o carácter, que diría Sennet. Acumúlase a xenreira. Sucede que non se albiscan solucións, nin propostas viables. Ocorre que estamos empantanados, escribiu hai uns días o filósofo José Antonio Marina.