E por que o propio?

A Coruña confírmase un ano máis como a capital de cosmopailanismo, urbe onde calquera excentricidade chegada das galaxias exteriores é acollida con paixón. O mariscal do cosmopailanismo foi aquel ex alcalde que agora dá nome a un tramo do seu paseo marítimo e sae nos faladoiros alumeando a nosa ignorancia en asuntos de historia e de relixión.

Sir Vázquez apadriñou dende macrocentros comerciais, paraíso do produto multinacional, ata réplicas da Sirenita ou estatuas dun Beatle asasinado. Tamén queimou fallas valencianas, alentou infames touradas e organizou as pseudoromarías das casas rexionais (xa o nome…), entre outros magnos eventos cosmopailáns.

Negreira continuou fielmente o legado vazquista e como proba velaí o Oktoberfest Olé, unha horterada invencible neste universo da máis cutre imitación. A Coruña lidera a tendencia nun país, o galego, que ama por tradición o alleo mentres despreza o propio. E así visitas as bateas baixo o son dunhas sevillanas ou mercas nos postos de artesanía artigos vascos ou de Taiwan.

Temos casos realmente tráxicos: a minusvaloración da cultura e idioma propios revélase dunha gravidade singular; a devastadora invasión do eucalipto en substitución das árbores autóctonas e cultivos propios supón un golpe mortal.

Que implica defender e promover o propio? Representa unha actitude meramente chauvinista ou agocha un motivo alén do orgullo e a autoidentificación? Pois claro! A promoción do propio debería constituír un dos eixos da xestión política dun país dado o seu incuestionable valor estratéxico e económico. Os pobos que así o entenden progresan; os que non, estáncanse e retroceden.

A defensa da cultura e idioma propios permite que o resto do mundo, as xentes que nos visitan nos meses de estío por exemplo, coñeza as nosas peculiaridades, a nosa idiosincrasia, co cal tenderá a valorar en maior medida as nosas propostas e os nosos produtos. A promoción dos valores e tradicións propios, ademais de incidir no aspecto anterior, imprimirá un carimbo de autenticidade, unha marca de orixe, que novamente repercutirá na apreciación xeral da nosa posición. E dando a coñecer directamente os nosos produtos e calidades impulsariamos a súa adquisición directa e multiplicariamos a súa exposición nos mercados e territorios dos usuarios e adquirentes.

Por poñer un exemplo obvio: se no canto da inmensa horterada traída de Baviera se fomentasen obradoiros de oficios tradicionais con presenza en Galicia ou produtos ecolóxicos aquí cultivados, estariamos promovendo e valorizando a artesanía e a produción agrícola do país. Se no canto das chamadas “casas rexionais” se organizasen degustacións dos produtos e receitas típicas das distintas bisbarras de Galicia, estaríamos favorecendo a difusión da nosa oferta alimentaria e gastronómica.

Algún día, espero e mesmo supoño, acabaremos con esta lacra do autodesprezo que tanto limita as nosas capacidades e iniciativas. Pregúntome se daquela non será xa demasiado tarde.