Dous erros do presidente

 

Que o Goberno central lle transfira a titularidade da autoestrada AP-9 á Xunta en nada, ou en case nada, aféctanos aos galegos/as. De darse o caso, seguiriamos a pagar relixiosamente eses prezos abusivos cos que a empresa recada substanciosos beneficios e se aproveita do monopolio e das necesidades dos sufridos contribuíntes.

Cousa distinta, claro, sería que, xunto con esa transferencia, a Xunta se comprometese a rescatar a concesión para deixala libre de peaxe. O custo de tal operación elevaríase entre 2.500 e 4.300 millóns de euros, segundo quen e como faga o cálculo. Son cifras demasiado considerables como para que o Goberno galego, chegado o caso, nin sequera mirase as posibilidades de enfrontar semellante operación.

Daquela, cal é o interese político deste asunto? O Parlamento reclamou por unanimidade ese traspaso, cos votos do Partido Popular incluídos. Logo o propio PP encárgase de frear a iniciativa facendo valer o seu peso no Congreso. Tirapuxas políticas e parlamentarias que adoitan animar os faladoiros e entreter aos comentaristas para, ao cabo, acabar quedando todo como estaba.

Coma tantas outras cousas en política, trátase dunha cuestión simbólica. E os símbolos en política pesan moito. Unha vía vertebral de Galicia baixo control do poder galego. Un traspaso de competencias logo dunha longa travesía sen ampliar o autogoberno.

A cuestión da autoestrada admite tamén unha lectura como test para comprobar a certeza da tan cacarexada influencia de Feijoo en Madrid. Tras a visita do ministro de Fomento a Galicia, queda claro que non se vai transferir a autoestrada. Non se precisa un depurado afán crítico para anotar este fracaso –inesperado na miña opinión– no marcador de saída do presidente da Xunta. Quizais o presidente perdeu peso co novo goberno, tan «sorayo».

O curioso é que en poucos días o presidente da Xunta suma este contratempo a outra decisión que tamén agocha un carácter simbólico negativo para o seu arranque de mandato. A suba do seu soldo e o do seu gabinete nun 7% soa moi mal, malia ter unha explicación que a suaviza, pois cómpre non esquecer que en 2013 Feijoo baixara o seu soldo nunha porcentaxe similar.
Reverter aquela decisión –exemplar no seu momento– implica algo así como anunciar, pola vía dos feitos, que, logo do sufrimento, as cousas volven ao seu rego. Pero iso, sabémolo todos, non é certo.

Porque o señor presidente e os señores e señoras conselleiros/as poden pechar a paréntese da crise, pero un amplísimo sector dos seus súbditos non poden. Uns porque seguen sen traballo. Outros porque non recuperarán o seu poder adquisitivo anterior á crise e, por mor da súa precariedade laboral e salarial, seguirán engrosando, coma outros miles de galegos, as listaxes de persoas en risco de exclusión social.

En Galicia contabilízase medio millón de persoas en risco de exclusión social. Delas, hai 130.000 en situación actual de exclusión severa. Son datos do último informe Foessa, o máis serio, rigoroso e independente nesta materia. Así é que, señor presidente, mal exemplo o da súa re-suba salarial.

Ahora en portada