«Cousas raras» na Solana

 

Na Coruña estase xestando unha nova treboada urbanística, desas de manobra, influencias e negocio redondo a conta do patrimonio público. Nada novo nunha cidade tan azoutada en tempos recentes por operacións de ladrillería política das que naceron algunhas das mellores fortunas locais.

Trátase dunha operación para que pase a mans privadas a propiedade do hotel Finisterre e dos apetecibles e amplos terreos lindeiros (30.000 metros cadrados) ocupados polo club deportivo-social La Solana, nun privilexiado frontal marítimo de 400 metros no mellorciño da cidade.

A escandaleira que se está a formar obrigou ao Partido Popular local a sumarse á reclamación unánime de todas as formacións do concello para que os terreos, a piques de rematar a súa concesión (2027), non saian a poxa. A unha estrana poxa na que xa se coñece a inmobiliaria beneficiaria e o que pagaría: 10 millóns. Un chollo. Unha ganga. O alcalde, Xulio Ferreiro, albisca «cousas raras» nesta movida.

Ao goberno municipal, dirixido en precario e con moita inexperiencia pola Marea, chégalle o primeiro asunto urbanístico de envergadura. O conflito vai poñer a proba a súa capacidade de liderado, de xestión e de altura política para lle aforrar á cidade unha nova desfeita político-administrativa-especulativa.

O Concello estaba disposto a pagar 1,4 millóns, pero a Autoridade Portuaria, dependente do Ministerio de Fomento, necesita cartos para enxugar a súa débeda de 300 millóns por mor do porto exterior. Con 10 millóns pouco a rebaixa pero, de paso, tapa a mala xestión do seu responsable nos últimos anos.

O club (varias piscinas, canchas deportivas, vestiarios) ergueuse no franquismo cubrindo a antiga praia do Parrote. Isto é, facendo unha cafrada urbanística sobre terreo público. Daquela, semella razoable que o BNG esixa unha reversión ao patrimonio público completamente de balde. Hai tres anos ninguén quixo facer caso do concelleiro nacionalista Xosé Manuel Carril, que xa advertiu daquela o verdadeiro obxectivo da recualificación da parcela no planeamento urbanístico: privatizala.

Os delegados da Xunta no consello de administración do porto coruñés votaron a favor da privatización. E tamén, por certo, un representante da UGT (debería explicarse o sindicato). Agora semella que os populares, vendo o rexeitamento social e político xeneralizado, modifican a súa posición. Ademais, cómpre non esquecer que, para que fose posible chegar a este punto, antes as alcaldías socialista (era Vázquez) e popular tomaron decisións que despexaron o camiño.

É moi posible que a Autoridade Portuaria ofreza resistencia ás esixencias da cidade. Abonda con ver como se despachou o presidente de Puertos del Estado cando se lle pediu posicionamento. Moi farruco el, declarou que o Concello debería igualar a oferta privada na poxa. Como se o concello fose unha empresa máis.

Contra semellante visión dos intereses públicos ten que batallar agora Xulio Ferreiro. Cuestión de patrimonio cidadán, mais tamén cuestión de principios ideolóxicos. Con máis razón se, aínda por riba, ve «cousas raras». Non están os tempos para aturar cousas raras.

Ahora en portada