Corrupción e progreso

O concepto de corrupción adoita vincularse dun xeito ou doutro a un fluxo monetario. Cando se favorece unha empresa para gañar un concurso público, o obxecto que xace baixo o feito corruptible é a contía do contrato correspondente. Cando se beneficia unha persoa para acceder a unha vacante na administración (non digamos cando se crea unha vacante para unha persoa), o soldo correspondente é un dos elementos relevantes en xogo. Cando se emite unha factura por traballos fiticios, o importe facturado volve ser o quid da cuestión. Cando se suborna a un gobernante, espérase obter uns ingresos superiores á contía do suborno, etc.

Non cabe dúbida: diñeiro e corrupción revélanse realidades asociadas con demasiada frecuencia. Porén, poucas veces se fala sobre a relación existente, transcendente, entre corrupción e economía. O efecto inmediato prodúcese sobre as cifras que se moven en cada transacción fraudulenta. Mais son os efectos indirectos os que provocan consecuencias perniciosas de maior alcance.

A corrupción afecta en primeiro lugar á eficiencia dos fondos públicos. Dende o momento no que un orzamento non se dirixe ás iniciativas máis produtivas nin se asigna ás mellores propostas, penalízase o rendemento dos recursos públicos fronte a outros territorios onde as asignacións presupostarias se realizan con criterios de optimicidade.

A corrupción inflúe de maneira decisiva na competitividade de cada economía. Cando as relacións económicas non se rexen por principios de neutralidade técnica, as decisións que se toman condicionan notablemente os resultados en materia de innovación, calidade e custos, elementos críticos de competencia.

A corrupción condiciona igualmente dun xeito crítico a capacidade de diversificación e profundidade dunha economía. Se os criterios para conseguir o apoio dos proxectos teñen máis que ver coa afinidade partidista ou a proximidade ideolóxica, logo o nivel de esixencia profesional reláxase e desmotívase a adopción ou a proposta de iniciativas de vangarda e maior complexidade.

Por último, a corrupción afecta sen dúbida á captación de investimentos do exterior. Os investidores produtivos buscan territorios onde as relacións económicas sexan transparentes, eficientes e, cando menos, en termos de igualdade. Se estes investidores perciben tratamentos de favor ou o comercio de prebendas para o logro de permisos ou concesións, loxicamente tenderán a emprazar os seus capitais en destinos máis axeitados.

En conxunto, a corrupción non é un elemento inocuo cando se pretende o crecemento económico pois se revela un auténtico inimigo para os proxectos empresariais, a innovación e a competitividade. Se queremos que Galicia recupere o ton económico, unha condición esencial haberá ser o saneamento das súas institucións de goberno nos distintos niveis.