Camilo sinala o camiño

 

Arranca unha nova lexislatura no Parlamento. O Partido Popular renovou e ampliou a súa cómoda maioría absoluta, así que medran as posibilidades de que, falando en termos parlamentarios, esta lexislatura bata marcas de aburrimento e rutina.

Pode ser así, mais non debería, pois para iso non financiamos os galegos a Cámara autonómica. A maioría popular non debe ser excusa para que a esquerda se refuxie nas vastas chairas da retórica estéril, nin debe xustificarlles ás xentes de Feijoo outros catro anos como os que acabamos de sufrir.

Con habilidade indubidable, o presidente galego, que xa vai un pouco enchoupado de fraguismo de gaita e empanada, toma posesión e lánzalle unha oferta á tri-oposición para chegar a acordos en asuntos tan importantes como o financiamento autonómico ou a normalización lingüística.

Aínda a risco de que Feijoo se estea a marcar un astuto farol, as esquerdas galegas (PsdeG, BNG e En Marea) deberían explorar ese camiño. En primeiro lugar, por unha posición de país. Si, polo ben do país. Mais tamén por puro pragmatismo e interese das formacións progresistas. Porque, coa baza da maioría absoluta nas mans do PP, o seu papel (o das esquerdas) pode quedar reducido á insignificancia máis absoluta. Deben escoller ben a súa opción. Só así poderán saber tamén se a proposta do presidente era sincera ou non.

Os asuntos postos sobre a mesa son abondo trascendentes como para que as esquerdas galegas se desentendan á primeira de cambio desta oferta. Cómpre máis pragmatismo e menos frontismo grandilocuente. Nunha magnífica entrevista de Luís Villamor en Tempos Novos, Camilo Nogueira advírteo con clareza: «Desde a esquerda hai que traballar doutra forma (…) Non hai que traballar coa idea de que o PP secuestra o voto dos galegos». Media Galicia vota libremente á dereita, de igual xeito que a outra media vota libremente ás esquerdas.

Comprender esta realidade en todas as dimensións resulta básico para que as esquerdas actuais que aglutinan o voto progresista e/ou nacionalista se decidan por afondar no camiño do parlamentarismo máis activo. Dito doutro xeito: seguir o exemplo que deu Camilo Nogueira e que lle valeu o prestixio e o recoñecemento xeral co que conta hoxe en todo o país.

Visto coa perspectiva dos anos, cómpre preguntarse que foi o mellor para Galicia e para as ideas progresistas e nacionalistas cando se formou o Parlamento galego por primeira vez. Os tres deputados do nacionalismo radical foron expulsados por non acatar a Constitución. Nogueira, daquela liderando Esquerda Galega, non se atrancou nesa formalidade e seguiu na Cámara desenvolvendo un traballo indubidablemente positivo. Influíu en moitos asuntos moi importantes. Realismo fronte a retórica. Traballo fronte a antrincheiramento ideolóxico. Toca facer bo parlamentarismo e deixar as bandeiras gardadas para cando veñan outras eleccións.

Claro que ao mellor as nosas esquerdas prefiren saír nos medios discutindo entre si polos pupitres e polos lapis. Se é así, non se preocupen, que non ha faltar quen no recreo se encargue de magnificar as súas liortas colexiais.

Ahora en portada