As reflexións de Feijoo e do Partido Popular

Logo das emocións e das decepcións electorais, tocan negociacións, tocan pactos e toca, tamén, a obrigada reflexión interna das formacións que concorrerron ás eleccións. Tendo en conta que goberna na Xunta e que, malia perder moito poder en termos cualitativos, segue a ser a forza máis votada, cómpre observar con atención como evolucionan os acontecementos no seo do Partido Popular.

O PP, que en Galicia concentra o voto de centro-dereita, perdeu o gas suficiente como para ter que enfilar amargamente a porta de saída en moitos concellos. Algúns deles da importancia da Coruña, Ferrol ou Santiago. Eu teño moitas dúbidas de que a debacle sexa tan estrondosa como aparenta, porque algo terá que ver co tamén aparatoso subidón de comicios anteriores. Pero, efectivamente, máis dura será a caída, que dirían os antigos.

Daquela, do mesmo xeito que ninguén garantiza a «sustentabilidade» da suba das mareas alí onde as houbo (ondiñas veñen e van), tampouco o Partido Popular sofre unha perda irreversible e definitiva de votantes. Resulta lóxico intuír que a estratexia inmediata do PP, en todos os ámbitos territoriais, vaise dirixir á repesca deses/as votantes de noutrora que esta vez lle foron infieis.

Seguindo o manual do perdedor, Alberto Feijóo promete autocrítica e «entender a mensaxe» que lle manda o pobo soberano vía urnas. Hai que recuperar a centralidade, di o presidente. Sobre todo agora que o PSOE toma unha «deriva radical», como sostén impávida a vicepresidenta Santamaría.

Xa explicará Feijoo, nos congresos que han vir en meses próximos, en que se centra esa centralidade, valla a redundancia. Non semella que o Partido Popular sufra un problema xeracional na selección das súas élites políticas (o propio Feijoo, Negreira, Hernández ou Rey son xente nova). Iso si, terá que renovar os seus votantes, porque seica lle morren máis ca outros partidos (cousas oiredes, don Sancho) e non se lle renovan. O seu partido terá que fiar fino e psicoanalizarse.

Ou se cadra non lle faga falta outra cousa que tirar a fondo do fío que o propio Feijoo e outros líderes conservadores bosquexan: «moitísimas familias non percibiron» a mellora da economía. Moitísimas desas, seguro, son ou eran votantes do Partido Popular.

Seguro que non o percibiron os miles de galegos e galegas alistados no paro (a metade deles sen cobrar xa paga ningunha) Nin a mocidade que quere buscarse un futuro, non da entrado no mercado de traballo e emigra (campións europeos en porcentaxe de mocidade que nin estuda nin traballa). Nin ese terzo dos asalariados galegos que non chega a mileurista, segundo o último informe de CC OO (incluíndo 70.000 cunha retribución anual inferior a 5.000 euros). Nin os empregados/as públicos (enfermeiros, mestres, médicos, bombeiros, policías…), que levan perdido máis dun 20% do seu poder adquisitivo durante a crise.

Como é posible que un organismo tan serio como a Axencia Europea de Dereitos Fundamentais sitúe a España entre os que rexistran un alarmante incremento da explotación laboral grave e non nos caia a cara de vergonza? Ou é que hai que aturar semellante ignominia por ben da competitividade e da saída da crise?

O gasto por habitante en educación e sanidade caeu en España un 21% durante a crise. As universidades públicas está asfixiadas. Os copagamentos e os recortes non deixaron a salvo nin aos pensionistas. Rajoy prometera «non tocar aí», pero si, o estado do benestar está levando un pau tras outro. Faltouse gravemente á verdade.

Non. Non se trata só de «conectar» ou «comunicar» mellor. Sexa maior ou menor o grao de información, a cuestión é que a xente de a pé percibe no ambiente que algo inxusto se está a facer con ela. Non con todos, claro, porque mentres o soldo medio dos españois caía outra vez en 2014, o dos directivos subía outro 10%. Na rúa sábese, percíbese, que un fraude fiscal infame aniña nas grandes fortunas, na banca e nas grandes empresas, que pagan en España impostos irrisorios e provocan un burato nas contas xerais de máis de 40.000 millóns.

Acabouse o conto trampeiro de lle botar a culpa a Zapatero (a cota que lle corresponde ao PSOE aínda está a pagala). Ninguén cre que non houbese alternativas a ese tipo de recortes. O prestixioso economista Vicenç Navarro, que hai uns días deu unha conferencia na Universidade da Coruña, puxo algúns exemplos. Non faría falta conxelar as pensións (1.200 millóns), bastaba con anular as rebaixas dos impostos de sucesións (2.500 millóns). Os recortes en sanidade evitaríanse anulando a baixa do imposto de sociedades das grandes empresas e enfrontando de verdade o fraude fiscal. Manter o imposto de patrimonio reportaría 2.100 millóns.

Neste abafante ambiente, enriquecido día tras día co spray porcallento da corrupción partidaria e institucional, os/as contribuíntes foron chamados a votar.

E trasladouse ás urnas a percepción de que había e hai alternativas e de que pagan os pratos rotos os máis débiles. É razoable que no Partido Popular pensen que pode volver a suceder en novembro. É razoable que o PP galego tema o mesmo para as autonómicas do ano que vén. É razoable que haxa nervios na grada da dereita. A crise segue a bater con forza.