A substitución do eucalipto invasor
A decisión da Xunta resulta cando menos insólita: cos cartos dos cidadáns defenderá a posibilidade de seguir plantando unha especie exótica
A Xunta de Galicia acaba de anunciar que se vai persoar nos tribunais para defender o eucalipto contra unha hipotética declaración de especie invasora. Lembremos que o Concello de Teo levou o asunto á vía xudicial.
O goberno galego prégase unha vez máis ante a industria forestal do país que ten o eucalipto como principal produción por mor dos escasos coidados que precisa e a rápida xeración de ingresos (inda que de rendibilidade notablemente inferior ás árbores autóctonas no medio e longo prazo).
O Partido Popular está a mercar o discurso da Asociacion Forestal de Galicia: a sustitución do eucalipto suporía a ruína da sociedade galega
A decisión da Xunta resulta cando menos insólita. Cos cartos dos cidadáns de Galicia, acudirá a preservar a posibilidade de seguir plantando no territorio unha especie exótica no lugar de cultivos e producións autóctonos. É como se defendesen a invasión de costumes e culturas non orixinarias á costa dos costumes e culturas propias (ah!, xaora, que tamén o fan!).
En múltiples outros artigos, demostramos os efectos perniciosos e desastrosos da invasión do eucalipto para o monte e o rural galegos así como para a economía do país en xeral.
A Asociación Forestal Galega vén de declarar por boca do seu presidente que a declaración do eucalipto como especie invasora suporía «a ruína da sociedade galega», ademais de arremeter contra o comité científico do Ministerio de Medio Ambiente e de asegurar que a Xunta debe compensar os propietarios que vexan limitados os usos dos seus terreos.
O eucalipto ocupa en Galicia unha extensión brutal. Isto quere dicir que de súpeto, o rural galego disporía dunha superficie para deseñar unha estratexia gañadora
Lamentablemente, ese é o discurso –intereseiro, descarreirado e obtuso– que están a mercar no goberno do Partido Popular.
Imaxinemos que os tribunais, tal como solicita o Concello de Teo, ordenan declarar o eucalipto como especie invasora. Habería que iniciar un proceso de substitución do seu cultivo, o que, xa de xeito inmediato, implicaría a dinamización das zonas atinxidas.
O eucalipto ocupa en Galicia unha extensión simplemente brutal en termos relativos, arredor de 500.000 hectáreas. Isto quere dicir que de súpeto, o rural galego disporía dunha superficie ampla para deseñar unha estratexia gañadora de longo prazo.
E sería terra válida para distintos cultivos pois o eucalipto, en contra das directrices iniciais, espallouse polo territorio sen control nin ordenación previa. Imaxinemos entón que o goberno galego consegue xuntar agricultores e gandeiros, propietarios forestais, cooperativas, técnicos e investigadores agrarios, botánicos, biólogos e forestais, industria forestal e agroindustria, distribuidores, municipios e deputacións. Supoñamos que se acorda levar a cabo un gran plan de substitución do eucalipto por:
§ Árbores autóctonas produtoras de madeira de alto valor e enriquecedoras da paisaxe e o medio ambiente, coma carballos, teixos, freixos, salgueiros…
§ Árbores froiteiras produtoras, ademais da madeira, de froitos de valor e demanda crecente así como inputs da industria alimentaria. Pensamos en castiñeiros, nogueiras, abeleiras, cerdeiras, maceiras…
§ Árbores de inmenso potencial a partir dunha calidade única tal como se atopou nas oliveiras autóctonas de Galicia.
§ Plantacións de cereais en retroceso no país malia que a súa demanda medra sen parar no mundo: a tradicional de trigo, millo ou centeo máis novos cultivos de cebada ou avea entre outros.
§ Produtos de horta de xeito que se lle dea a volta á tendencia importadora das últimas décadas
Como aumentar a rendibilidade da terra e reducir os incendios
Ao final do proceso, Galicia tería impulsado dun xeito transcendente a súa actividade forestal e agraria; tería aumentado a produtividade e rendibilidade da súa terra; tería multiplicado a súa produción agroindustrial; tería reducido a importación de produtos básicos; tería beneficiado o seu medio ambiente e reducido a ameaza dos incendios; tería mellorado substancialmente a súa imaxe e paisaxe co efecto consecuente sobre o turismo.
Todo isto pola substitución do eucalipto. E que lle pasaría á industria madeireira e celulósica? Pois que no canto de mercar o eucalipto aos pequenos propietarios galegos, terían que recorrer aos mercados exteriores.
É dicir, como fan todas e cada unha das principais potenciais europeas da madeira.