A política económica de Galicia

En poucas datas terá lugar o chamado Debate sobre o Estado da Autonomía. A cuestión económica centrará previsiblemente boa parte das alegación dos distintos partidos. Se os nosos parlamentarios reproducen o esquema das anteriores ocasións, centraranse en datos dos últimos meses para ilustrar unha posición, e tamén a contraria.

Núñez Feijoo defenderá o que leva defendendo en cada intervención: que a situación de Galicia é mellor cá do conxunto do Estado, achegando en especial o diferencial na taxa de desemprego sen mencionar que dende que o PP recuperou o goberno, esa diferenza diminúe cada ano.

A realidade da economía galega non pode describirse tendo á vista os últimos doce meses, xa de por si alarmantes (18.000 familias en estado de pobreza grave, o 7,4% do total), senón a súa evolución nun período maior que permita un diagnóstico fiable. E nese sentido, lamentamos ter que constatar a perda de peso respecto ao conxunto do Estado en calquera das variables básicas de síntese: poboación xeral, poboación ocupada e Producto Interior Bruto. Mais temo que isto pouco se tratará no debate.

En troca falarase de datos e de feitos concretos. Apenas haberá discursos de política económica. E iso porque tal concepto estratéxico non se adoita presentar xunguido a Galicia como ente territorial. Os gobernos galegos do PP actúan como xestores de continuidade dunha realidade que asumen derivada das circunstancias da contorna e da política económica central.

Algún día Galicia haberá discutir o seu modelo económico e, quizais, o vindeiro debate podería converterse nesa data emblemática que determinan as “primeiras veces”. Na modesta intención de contribuír á definición dunha política económica de noso, velaquí os seis eixos esenciais que deberían artellala:

1 Dimensión empresarial: un dos grandes problemas da nosa economía. Precísanse políticas de concertación, agrupación, asociación, fusións e cooperación. Un exemplo nítido dos moitos a citarmos: o propio movemento cooperativo de Galicia precisa un pulo institucional importante nesta dirección.

2 Catarse no rural: o minifundismo, a falta de ordenación territorial e a invasión terrible do eucalipto están a condicionar a evolución do sector agrario galego, estancado dende hai décadas, así como do forestal, entregado ao monocultivo, e da industria agroalimentaria. Galicia pode e debe protagonizar unha revolución do rural que propicie a recuperación e crecemento de cultivos con forte demanda nos mercados mundiais.

Permítaseme incluír neste punto a recuperación imprescindible de recursos mariños nas nosas costas, co caso paradigmático de tantas especies de crustáceos e moluscos outrora abondosas e que agora hai que traer de países como Escocia ou Holanda.

3 Expansión de mercados: Non se trata unicamente de aumentar os destinos da produción de Galicia e as súas vendas, que tamén por suposto, senón de acceder a mercados de maior esixencia que demanden solucións de innovación e valor engadido. Por tal motivo, é de novo imprescindible unha política de expansión que potencie a distribución do produto galego no mercado español e promova consorcios de exportación multiproduto para os mercados internacionais.

4 Captación de proxectos: Novamente se constata a falta de estratexia na captación de investimentos para Galicia, o cal se demostra á vista da minúscula cota de capital exterior que capta respecto do total español. A acción do executivo galego limítase a tentar certo xogo de influencias en determinados sectores da man do goberno central.

5 Innovación de produto e proceso
: Un país das nosas características precisa acertar na súa actividade de I D de xeito que esta resulte decisiva á hora de presentar novos produtos e mellorar a eficiencia a través da optimización de procesos. Tristemente, a escasa integración entre os tres participantes no contexto innovador, administración, universidades e empresa, e a dispersión de iniciativas lastra una actividade clave para a competitividade que esixe, ademais, unha superior dedicación de recursos. Os recortes neste ámbito revélanse unha bomba de profundidade contra o progreso do País.

6 Sector servizos: O sector servizos precisa unha análise específica por actividade. Tomando aquela cunha maior influencia sobre a economía, o Turismo, malia as cifras relativamente boas do último ano, é preciso concienciarse de que Galicia presenta un potencial de enorme crecemento. Para concretalo, ademais de mellorar notablemente a intelixencia e os recursos dedicados, é preciso apelar á recuperación da paisaxe galega, valor clave de Galicia como destino, e ó coidado e rehabilitación do noso rico patrimonio artístico e cultural. Volve aparecer a lacra do eucalipto como factor pernicioso a resolver de vez antes de que sexa irremediablemente tarde.

Estaremos atentos ó debate. Se os nosos representantes dan en discutir sobre os aspectos anteriores, daremos a benvida á dimensión estratéxica como eixo inspirador da súa actuación de cara á transformación desta economía galega en grave, moi grave, situación.