A maioría natural de Feijoo

 

Dando por descontado que a vitoria de Feijoo e do Partido Popular é incontestable, temos materia para moitas análises. Algunhas máis obxectivas ca outras. Porque a evidencia e a historia recente demostran que a maioría dos votantes acoden ás urnas con lentes distintas segundo sexa a convocatoria local, autonómica ou estatal. En Galicia e noutros sitios tamén. O éxito de Podemos nas xerais no País Vasco hai só unhas semanas non corresponde co seu terceiro posto nas autonómicas. A maioría absoluta do PSOE en Vigo nas últimas municipais non se corresponde co éxito do PP nos comicios do domingo (anque haxa que contar coa moi desleal e indisciplinada actitude de Abel Caballero).

Creo pouco nas extrapolacións que, ademais, adoitan pecar de interesadas. Véxase se non as que se están facendo –sobre todo en Madrid– de resultas do triunfo de Feijoo. Todo se le en clave de política española, pero abonda coñecer un pouco a realidade sociolóxica e electoral galega para esfarelar as montaxes mediáticas que inundan Cibeles e arredores.

O PP gañou en Galicia polo forte liderado de Feijoo, que conta cunha sólida e fiel base electoral. Gañou por goleada Feijoo, non Rajoy. En todo caso, podería dicirse que o presidente da Xunta triunfou a pesar de Rajoy e da súa estela de recortes e corrupcións varias no partido. Aos socialistas galegos foilles mal, mais non era Pedro Sánchez o candidato. Quen contou con menos apoios foi o partido, no contexto dun declive previo á chegada de Sánchez e froito dunha dinámica que vai moito máis alá do nome do líder. Tan responsable é Leiceaga, como calquera outro líder galego ou español, comezando por Abel Caballero e seguindo pola baronesa andaluza e o os outros integrantes desa quinta columna que estivo a roer desde dentro en plena campaña electoral vasca e galega.

Feijoo gañou por maioría absoluta, mais non vexo por que iso habería de se traducir na obriga socialista de facilitar, de xeito moi arriscado, a continuidade de Rajoy. Por que non se toma como referencia o País Vasco, onde o PP baixou?

Galicia ten dinámica política de seu, entre outras cousas porque aquí (aínda) hai forzas nacionalistas. E a cousa é facil de resumir. En termos redondos, a metade do electorado vótalle á esquerda (PSOE, BNG e En Marea) e outra metade e un chisco máis –que tamén é «xente»– faino á dereita. Como os votos da dereita van a unha soa candidatura (o de Ciudadanos non é serio) e os da esquerda repártense entre tres formacions, pasa o que pasa. Por enriba, a lei electoral favorece o maioritario. Algo semellante vense repetindo en anteriores eleccións galegas.

Isto é o que hai. Así de simple. Unha sólida maioría confía en Feijoo, malia recortes, privatizacións sanitarias e outras incidencias non menores. Non se albisca por ningures esa gran pulsión polo cambio da que falou na noite electoral, nunha desafortunada comparecencia televisiva, o xefe da campaña de En Marea. Nos vindeiros catro longos anos Feijoo ou algún delegado seu mandarán no DOGA, mentres a esquerda se recompón por enésima vez e por enésima vez comeza a «construír o futuro», como din no BNG.

Feijoo non terá nin que facelo ben. Chegaralle con estimular astutamente a división entre as esquerdas galegas. El ten aquelo que Fraga, que disto sabía un montón, chamaba a «maioría natural» da dereita. El si que o viu con clareza.

Ahora en portada