A hora das prioridades  

 

A validez temporal dun comentario político, nesta temporada de ventos arrevesados, é moi volátil. En cuestión de horas podes quedar descolocado, desfasado e desinformado. Vai zoar tramontana catalana na política española por moito tempo, así é que, guste ou non, a política galega e a política española van quedar indefinidamente polo devir do problema de Catalunya.

A xente do común, como se di agora na terminoloxía da esquerda alternativa, estaba preocupada pola gravidade da crise, polos achegados en paro, polos fillos sen perspectivas de traballo digno, polo retroceso do seu poder adquisitivo ou pola humillante perda de dereitos laborais.

A xente do común estaba encabronada porque lle fixeron pagar a ela o custo das políticas receitadas e aplicadas para enfrontar unha crise xerada polo propio descontrol do sistema financeiro e económico.

A xente do común ve no seu contorno que iso da desigualdade crecente non son inventos de Cáritas e que uns copagamentos sanitarios inxustos dóenlle máis a uns que a outros.

E supoño que a sucesión de escándalos de corrupción política encirrou á xente do común, que en canto puido traduciu en votos o seu malestar.

Hai unha parte da poboación que comprende ou parece desculpar ese retroceso no estado do benestar e mantén fiel o seu voto á dereita. A outra parte, a que non o perdoa ou se nutre de savia progresista, sabe que só facéndose co control dos diarios oficiais poderá frear e reverter a situación. Isto é: sumando votos, vontades e escanos para gobernar.

Non vai ser así. A estrutura territorial do Estado volve ocupar preferencia na axenda política española, esta vez cunha perigosa compoñente desestabilizadora. Por desgraza, a irradiación da crise catalana despraza a segundo plano as loitas sociais, laborais e contra a desigualdade. Faino, desde logo, na política estatal e farao tamén na política galega. Non só por certos efectos miméticos nalgunhas forzas da esquerda, senón porque tamén aquí a raia vermella da unidade española atrancará dentro duns meses o entendemento entre o PSOE e outras formacións da esquerda. Iso no caso, claro, de que o Partido Popular perdese a maioría e carecese dalguna oportuna muleta cidadá.

Daquela, unha cuestión que, a día de hoxe, guste ou non, ocupa en Galicia un lugar secundario entre as preocupacións «da xente do común» impedirá o entendemento entre forzas con plantexamentos sociais semellantes ou, cando menos, próximos. Como non o impide, por certo, en concellos e deputacións ou, no seu día, na propia Xunta.

Quizais a base electoral das esquerdas galegas non o entenda. Quizais sexa difícil xustificalo se se pretende facer política para a xente. Dirao o tempo e os moitos acontecementos que se van suceder durante os meses que faltan para as eleccións galegas. Entre outras cousas teremos que asistir, con fatalismo, a esa crónica dun desastre anunciado en Catalunya, cando o Estado free a ilusión óptica dunha independencia que nunca aceptará. Nin polas boas, nin polas malas. Nin con Mas, nin sen el. Realismo.

En Galicia tamén fará moita falta unha elevada dose de realismo e de claridade nas prioridades.