Galicia, camiño e destino
Artigo do presidente da Xunta con motivo do Día de Galicia no que identifica a autonomía e a democracia coas "dúas facianas da liberdade dos galegos"
Galicia, camiño e destino. En ocasións os poetas teñen unha especial lucidez para plasmar en forma literaria un estado de ánimo que ningún estudoso das dinámicas sociais é capaz de traducir. É o que sucede con aqueles versos amargos de Salvador García Bodaño nos que o noso bardo se queixa de que Galicia é un país “onde todo está por vir e non chega”.
Esperanzas convertidas en mágoas, ilusións que esmorecen e horizontes que se afastan, están resumidos no melancólico poema. Os galegos fomos en efecto un pobo de posibilidades frustradas, convencido malia todo de que atesouraba enerxías inmensas que só esperaban algo que as espertase. Nesta altura do século XXI aínda hai cousas por vir pero tamén moitas outras que chegan e chegarán. Pasamos de ser un pobo polo que transcorre a historia, a outro que escribe a historia todos os días con trazo firme. Esa transformación sen precedentes procede da forza inmensa que proporciona en primeiro lugar a liberdade que ven da man da democracia e a autonomía.
Galicia é unha vivencia, un pórtico formado por homes e mulleres que desexan ofrecer o mellor da súa terra
Sobre eses dous piares Galicia ergue unha sociedade e unhas institucións plurais, maduras e responsables. Ninguén mellor que os galegos sabe que o menosprezo do sistema democrático e autonómico está refutado pola nosa propia evolución política e social. Somos a proba elocuente de que autonomía e democracia, as dúas facianas da liberdade dos galegos, son causas directas do benestar e a convivencia. Nin esquecemos aquel país desolado que retrataba o poeta, nin ignoramos que a ferramenta da liberdade nos fai capaces de todo o que nos propoñamos xuntos.
A cultura xacobea
Os poetas son notarios da vida espiritual dun pobo, pero existe tamén un plebiscito no que participan de forma espontánea os peregrinos e visitantes que van celebrar connosco o Día grande de Galicia. Poucas comunidades celebran tan ben acompañadas o seu Santo Patrón, e poucas custodian unha tradición como a xacobea que serve de guía, acougo e inspiración a xentes distintas e distantes que aquí se fan semellantes e próximas.
Entre as moitas aportacións dos galegos ao acerbo común está unha variante do turismo que tamén está vencellado a valores e persoas. En Galicia a xente non é un decorado que o viaxeiro observe sen sentilo. Galicia é unha vivencia, un pórtico formado por homes e mulleres que desexan ofrecer o mellor da súa terra, unha aperta intensa como a que o Apóstolo recibe do peregrino.
Cada viaxeiro aporta un elemento máis á galeguidade e leva consigo na maleta ou na mochila un anaco de nós
Preguntémonos que ven en nós para que o noso lar se teña convertido nun destino predilecto, que descobren na convivencia coa nosa xente, que sentimentos perdidos recuperan durante a súa estancia. Posiblemente vexan en Galicia un país claramente diferenciado, orgulloso de ser diferente pero que non expresa a diferencia con receo cara a ninguén. A singularidade galega non se sinte ameazada senón enriquecida polo contacto cos alleos, igual que sucedeu durante os séculos que permaneceu aberto o Camiño de Santiago. Cada viaxeiro de antano e de hoxe aporta un elemento máis á galeguidade, e leva consigo na maleta ou na mochila un anaco de nós que lle permite dicir que estivo en Galicia e que ademais formou parte dela.
Hai unha maneira galega de ser distintos e un estilo galego de preservar as tradicións, patente na permanente evolución do fenómeno xacobeo. Ser partícipe del non esixe requisitos excluíntes, nin someterse a un canon rigoroso porque a cultura xacobea é respectuosa cos tempos, as orixes e as persoas e tende pontes de espiritualidade entre crentes e escépticos. Xunto a unha devoción relixiosa coexiste outra laica, facendo posible que na gran capital espiritual de Europa que é Compostela se dean a man mulleres e homes que ven en Galicia un norte que non queren perder.
Valores que cohesionan
Ese norte existe dende moito tempo atrás e inspirou a persoas de todas as épocas, tamén de épocas convulsas nas que non era doado manter firme a esperanza. Aínda que ningún tempo pasado foi mellor, a España, a Europa e o mundo dos nosos días viven intensos momentos de cambio nos que aparecen novas encrucilladas que en ocasións producen inquedanza, desconcerto e controversia.
Hai algo que simboliza o ideal que unha gran maioría de españois, europeos e cidadáns do mundo anhelan acadar: esa praza do Obradoiro na que desembocan visitantes e peregrinos que se senten parte dun mesmo sentimento. O diverso unido por unha mesma emoción, inspirada pola beleza dunha catedral que expresa a fabulosa capacidade do ser humano para transcender o tempo.
A Galicia onde todo estaba por vir e non chegaba da paso a outra Galicia querida e respectada. Os galegos descobren que son portadores de valores que cohesionan e mesmo inspiran aos que andan na procura de respostas aos desafíos do presente.
Galicia é o mellor camiño; o mellor destino.