Volven as festas de María Pita

Queremos seguir apoiando, coa súa celebración, a algúns dos sectores máis afectados pola pandemia, ao sector cultural galego e da cidade, que contará cunha enorme presenza dentro da programación

Festas de María Pita / Concello da Coruña

Festas de María Pita / Concello da Coruña

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

Falar das festas de María Pita, que se celebraron por primeira vez no ano 1850, non é só render homenaxe á nosa famosa heroína, que defendeu a nosa cidade no século XVI; é sinónimo tamén de orgullo de cidade.

Desde o Concello da Coruña este ano queremos que a celebración  das festas sirva de homenaxe á tremenda loita que tiveron que enfrontar todas as veciñas e veciños do noso municipio nun ano tan sumamente difícil. Xuntos loitamos contra unha pandemia, sendo referentes do saber estar, exemplo de responsabilidade e de unidade. 

Por iso creo que nos merecemos poder volver a sentir e gozar da esencia das nosas festas; non serán unhas festas normais, faltarannos elementos tan relevantes como o pregón ou a batalla naval, pero serán as mellores posibles dentro da responsabilidade e do cumprimento das medidas de seguridade.

Queremos que os coruñeses e as coruñesas poidan volver a gozar este ano das tradicionais festas de María Pita. E, por suposto, queremos seguir apoiando, coa súa celebración, a algúns dos sectores máis afectados pola pandemia, ao sector cultural galego e da cidade, que contará cunha enorme presenza dentro da programación, e tamén ao hostaleiro e ao comercio, que estamos seguros de que se beneficiarán coa celebración dos máis de 50 eventos que temos programados.

Volverán as personaxes de cómic ás rúas da nosa cidade, con Viñetas desde o Atlántico; a Feira do Libro, que este ano cumpre a súa 50 edición, instalarase nos xardíns de Méndez Núñez; os pequenos poderán gozar con Cascarillarte ou co Festival Manicómicos; volverá a música da man do Festival Noroeste, e recuperaremos citas tan tradicionais como o Certame de Habaneras ou a Romaría de Santa Margarida.

Este ano como novidade queremos achegar as actuacións e os espectáculos a toda a cidade, co obxectivo de que se poidan vivir as festas desde os barrios. Haberá actuacións na praza de María Pita, no parque de Santa Margarida, no parque Europa e no Campo da Leña.

Todos os espectáculos serán con aforo limitado, sentados e mantendo a distancia de seguridade. Somos conscientes de que a pandemia non rematou e temos que extremar as precaucións para demostrar que a cultura é segura.

En definitiva, teremos unhas festas seguras, responsables, comprometidas co talento local e en feminino, que farán brillar de novo A Coruña no panorama cultural e musical deste verán.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp