Uso e normalización da nosa lingua
Lamentablemente segue a ser preciso aprobar normas legais para fomentar o uso do galego e desenvolver accións e programas para favorecer a súa normalización
O pasado 4 de febreiro o Concello da Coruña saldaba unha débeda histórica ao aprobar a ordenanza para o uso da lingua galega. Coruña sumábase por fin a todas as grandes cidades galegas que xa deran ese paso dende o ano 88.
Temos a obriga de contribuír á normalización do galego, e a ordenanza que propuxemos aprobar de forma definitiva esta semana no pleno, que nada impón e que a ninguén exclúe, segue sendo necesaria para contribuír a poñer en valor a nosa lingua. Lamentablemente segue a ser preciso aprobar normas legais para fomentar o uso do galego e desenvolver accións e programas para favorecer a súa normalización.
O pasado 4 de febreiro o Concello da Coruña saldaba unha débeda histórica ao aprobar a ordenanza para o uso da lingua galega
Dende xuño de 2019 o Concello da Coruña desenvolveu 53 actividades e programas co obxectivo de seguir achegando o galego á sociedade e especialmente aos máis mozos. “Apego”, “AgoraSon” son actividades que tratan de transmitir mensaxes positivas con respecto á lingua e promover o consumo cultural en lingua galega. Ofrécense produtos novidosos ou xa consolidados e de éxito que resultan atractivos para o público co obxectivo de promover unha visión afable, moderna, útil e mesmo ecolóxica da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda.
Debemos promover unha visión afable, moderna, útil e mesmo ecolóxica da lingua galega
Estas actividades compleméntanse con accións nas escolas infantís e nos colexios da cidade como “Encontros no ensino” que, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua galega, promove encontros entre o alumnado de varios institutos da cidade con autoras e autores das obras que len previamente nas aulas. Estes encontros no ensino forman parte do programa de dinamización lingüística “Falamos”, que persegue fomentar a creatividade cultural na nosa lingua, así como estimular nas xeracións máis novas actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado do galego.
Este ano tomamos tamén dúas pequenas pero relevantes decisións que contribúen a dinamizar o uso do galego, mudamos a páxina web do Concello e os correos electrónicos de todo o persoal municipal ao dominio punto gal (o dominio galego en internet) e fixemos da páxina web en galego a portada de coruna.gal por defecto.
Pequenos pasos na boa dirección que amosan o compromiso do goberno que lidera Inés Rey coa protección e impulso do uso do galego como o elemento máis relevante da nosa cultura.