Un quiosco que resume o espírito dun mandato
"O que supón o novo quiosco da Praza de Ourense da Coruña é difícil de medir, porque non hai sistema métrico que dea conta dos sentimentos"
As radiografías da acción municipal tenden a resumir a labor dos gobernos nas grandes cifras. Moitas veces o traballo dos executivos mídese en millóns de euros, en miles de metros cadrados construídos, en quilómetros de carreteiras e vías férreas e en macrodatos estatísticos. Mais hai accións máis modestas, no económico, que ás veces definen con maior precisión o espírito dun goberno.
Hai uns días inaugurouse na Praza de Ourense da Coruña un quiosco. Nin foi unha inversión millonaria nin ocupa miles de metros cadrados. O que supón é difícil de medir, porque non hai sistema métrico que dea conta dos sentimentos.
O quiosco da praza de Ourense foi unha aposta do goberno de Inés Rey do que formo parte que resume moi ben o camiño que tomou o seu Goberno. A emblemática construción, que levaba tempo en desuso, volve estar aberta e en perfecto estado. Non só aporta vida a unha praza moi querida polos coruñeses, senón que o fai xestionado pola asociación Down Coruña, ofrecendo un servizo aos milleiros de coruñeses que cada día pasan por alí, mais tamén, e sobre todo, dando unha oportunidade de inserción laboral e de visibilidade a 12 usuarios de Down Coruña.
Nunha soa actuación conseguise embelecer e mellorar un espazo urbano, ofrecer un mellor servizo aos cidadáns, aportar oportunidades laborais a un colectivo que o precisa especialmente, contribuír á súa integración social e axudar á dinamización económica, ademais de recuperar un espazo emblemático da cidade.
Seguramente terá menor transcendencia pública que o tren a Langosteira ou que a estación intermodal, mais representa moi ben a sensibilidade e o coidado con que Inés Rey planifica a acción do Goberno, unha sensibilidade que vertebra todo o mandato e que se aprecia tamén en outras actuación, igualmente modestas no económico, pero non por iso menos queridas. Da cascada do Palacio da Ópera volve manar auga, as roseiras e os parterres da Rosaleda locen de novo, o reloxo da María Pita dá a hora e alegra a praza co son das súas campás e en breve estará aberto outra vez, e renovado, o Copacabana.
Máis alá das grandes actuacións, os gobernos débense xulgar tamén polas pequenas. E o de Inés Rey está a traballar na posta en valor daqueles elementos que constitúen a alma da cidade, elementos que forman parte, en maior ou menor grado, da vida de milleiros de coruñeses.
As cidades non son só superficies sobre as que actuar. As cidades son tamén, e sobre todo, a suma das vivencias, recordos e ilusións dos cidadáns que as habitan. Por iso, máis alá da lóxica e cabal planificación urbana, os gobernos precisan tamén dunha necesaria sensibilidade, que non é outras cousa que empatía, á hora de tomar decisións. A eficacia na xestión precisa tamén do cariño para acadar os mellores resultados. Inés Rey está a demostrar que ten esas dúas cualidades.