Un presidente sen proxecto nin ilusión
É necesario un cambio de orientación do goberno da Xunta, necesitamos un goberno que asuma riscos e teña determinación para resolver os problemas da sanidade pública, que acabe cos recortes na educación e nas políticas sociais
Esta semana tomará posesión como presidente da Xunta un candidato que carece da necesaria lexitimidade democrática xa que non conta co aval da urnas e que foi proposto por catro baróns do PP reunidos arredor dunha mesa camilla.
A súa intervención no debate de investidura puxo de manifesto que non hai proxecto de país nin capacidade de ilusionar a Galicia cunha proposta de futuro. Alfonso Rueda constatou que o seu Goberno dará continuidade ao deterioro das políticas públicas dos últimos 13 anos sendo incapaz de presentar medidas e propostas quen ofrezan solucións aos problemas da Galicia real.
É necesario un cambio de orientación do goberno da Xunta, necesitamos un goberno que asuma riscos e teña determinación para resolver os problemas da sanidade pública, que acabe cos recortes na educación e nas políticas sociais, e que tome medidas valentes fronte ao declive demográfico.
Dende o PSdeG traballaremos sen descanso nos próximos meses para liderar a alternativa de goberno que o noso país necesita. Unha Galicia innovadora, que crea na súa mocidade, que se poña o obxectivo de que ningún mozo que aspire a desenvolver o seu proxecto de vida no país teña que renunciar a el por falta de oportunidades.
Un modelo de país dinámico e moderno, un proxecto viable dentro do modelo socialdemócrata que aposte por un desenvolvemento económico sostible, racional e que respecte o medio ambiente. Apostamos por un país que funcione e estea en marcha, cos sectores produtivos activos, un que aposte firme polo coñecemento e a innovación tecnolóxica, que destinar o 3 por cento do PIB á I+D+i. Un modelo de país ilusionante que crea nas súas xentes e posibilidades e que impulse políticas que coloquen a Galicia no desenvolvemento económico e social que merece.