Un compromiso co tecido produtivo
Non teremos unha sociedade mellor se non recuperamos e apuntalamos a senda do crecemento
O Goberno municipal da Coruña vén de impulsar a modificación da ordenanza que regula a aplicación do Imposto de Actividades Económicas (IAE), un tributo do que están exentas as compañías que facturan menos de un millón de euros, e que grava pois ás que teñen uns ingresos superiores.
O Concello da Coruña terá por vez primeira unha bonificación neste imposto, que se aplicará a aquelas compañías que teñan ao final do exercicio un rendemento económico negativo.
Esta bonificación é unha mostra máis da aposta do Goberno de Inés Rey por impulsar o tecido produtivo local, porque é ese tecido o que ao final impulsará á cidade cara adiante e aumentará a calidade de vida dos cidadáns.
Será o sector privado o que xere emprego e recursos para poder manter os servizos públicos
Aínda que os concellos apenas teñen competencias en política económica, é preciso tamén que desde o local activemos todos os recursos nese eido, especialmente nunha situación como a actual, co país saíndo dos efectos dunha pandemia e cunha especial necesidade de intervención desde o público para garantir que a recuperación non se interrompa.
Non teremos unha sociedade mellor se non recuperamos e apuntalamos a senda do crecemento. Esta pandemia demostrou o esencial que resulta intervir desde o público para facer fronte a situacións complexas. Dentro das súas posibilidades o Concello da Coruña actuou tamén nesa liña coa aprobación de dous plans de recuperación por valor de 20 millóns de euros, entre outras cousas.
As institucións públicas teñen que apoiar aos cidadáns e impulsar, con medidas xustas e equitativas, o sector privado, porque será ese sector o que ao final xere emprego e recursos para poder manter os necesarios servizos públicos.
Nesa liña enmárcanse as bonificacións do IAE que se aproban esta semana na Coruña, unha cidade cun elevado potencial de crecemento baseado na atracción de empresas e investimentos.
Facer unha cidade máis atractiva, tamén no ámbito fiscal, é unha medida máis que se suma aos recursos mobilizados ata agora desde o Concello.
A Coruña e a súa área aglutinan máis da metade das empresas galegas de novas tecnoloxías. A Coruña é tamén orgullosa referencia mundial do sector téxtil. Aproveitar as sinerxias para mobilizar recursos privados e investimentos axudará a conseguir un mellor futuro con máis oportunidades laborais para os cidadáns. Aplicar unha maior xustiza fiscal, tamén no IAE, redundará, sen dúbida, nun aumento do atractivo que A Coruña xa ten.
A promoción da actividade económica non pode ser un tema menor. Son insuficientes as políticas autonómicas postas en marcha nese eido, por iso desde A Coruña estamos a impulsar medidas propias que fuxan do curtoplacismo. Ao final, unha sociedade mellora na medida na que crece a súa economía, porque é esta a que xera os recursos suficientes para a prestación de servizos. Esa é unha das liñas de traballo do Goberno municipal da Coruña.