Tres anos transformando unha cidade
A alcaldesa foi capaz de conseguir os compromisos de todas as administracións para iniciar grandes proxectos longamente demandados pola cidade
Cando se cumpren tres anos de mandato de Inés Rey ao fronte da alcaldía da Coruña compre facer balance para constatar que, a pesar de ser un mandato marcado pola pandemia que obrigou a reorientar prioridades, a cidade ten mudado de arriba a baixo. Non hai un só barrio da cidade no que no que non se teña feito unha actuación para a mellorar da calidade de vida dos seus habitantes pero ademais, por fin, a cidade conta cunha alcaldesa capaz de dialogar con todos os partidos políticos e administracións en beneficio da cidade.
En só tres anos a alcaldesa foi capaz de conseguir os compromisos de todas as administracións para iniciar grandes proxectos longamente demandados pola cidade.
O tren a Langosteira, fundamental para o crecemento económico da Coruña, está hoxe en licitación, o novo hospital tan demandado e necesario para todos os cidadáns da área, conta cun convenio asinado e cun proxecto para a súa construción, as obras da estación intermodal comezarán este mesmo ano e as actuacións na primeira nave da cidade das TIC iniciáronse o pasado mes de maio.
Catro grandes proxectos, fundamentais para o desenvolvemento futuro da cidade que non se terían posto en marcha sen a xestión, capacidade de diálogo e valentía da alcaldesa da Coruña. Catro grandes proxectos sen os que a cidade vería lastrado o seu crecemento e que o goberno municipal da Coruña foi capaz de liderar e poñer en marcha.
Hoxe os coruñeses e as coruñesas saben que temos unha alcaldesa que defende a Coruña por riba de calquera cuestión partidaria, que recupera e a identidade e o orgullo coruñés, que traballa en favor dos intereses económicos da cidade e que ademais está implantando un modelo de cidade moito máis amable situando as persoas no centro da súa acción política.
O balance, tres anos despois, é que a cidade recuperou o lugar que lle corresponde, conta con máis inversión en política social, con actuacións relevantes en todos os barrios e con grandes infraestruturas centrais para o seu futuro. Somos esixentes como goberno, non caemos na autocompracencia e somos conscientes de que temos moitos retos por diante para conseguir a cidade que todos e todas queremos, mais as bases para a recuperación do orgullo da cidade xa están sentadas.