Seis millóns de boas razóns
Desde que abriu as súas portas en xuño de 1999 o Aquarium Finisterrae recibiu un número de visitas equivalente a 24 veces a poboación da cidade
O pasado luns o Aquarium Finisterrae viviu un día moi especial. Os rapaces e rapazas do CEIP de Prácticas foron de visita, a coñecer as focas e a gozar do ambiente único da Sala Nautilus. Hasta aí todo normal, mais un deses pequenos de cinco anos fixo algo moi especial ao pasar polo torno: converteuse no visitante número 6 millóns do acuario coruñés.
Desde que abriu as súas portas en xuño de 1999, o emblemático museo científico recibiu un número de visitas equivalente a 24 veces a poboación da cidade. Non hai colexio coruñés, nin apenas familias, que non teñan pasado por ese lugar para coñecer os segredos do mar que nos rodea.
Centos de milleiros de nenas e nenos de varias xeracións, tanto da Coruña como de Galicia e de máis alá das fronteiras nacionais coñecen a Gastón e a inmensa variedade de formas de vida que habitan no Aquarium. Quen sabe cantas vocacións se teñen forxado nese museo, que só durante o ano pasado recibiu case 150.000 visitas.
Foi o último museo científico en chegar dunha lista que arrinca en 1985 coa Casa das Ciencias que hoxe, 37 anos despois, segue a amosar unha inmensa vitalidade, cun planetario único en Galicia e co mesmo potencial que cando abriu as súas portas para fomentar entre os máis novos o amor pola ciencia, o mesmo amor que impulsa desde 1995 a Domus.
Non existen en Europa moitas cidades cunha oferta de museos científicos semellante en cantidade e calidade á que temos na Coruña, unha aposta sen dúbida arriscada, máis unha aposta que hoxe nos define como cidade e que forma parte xa das vivencias persoais de todas as xeracións de coruñeses e coruñesas desde finais do pasado século.
«Na Coruña camiñamos por outro desde hai moitos anos, polo camiño que converteu a esta cidade en referente cultural e de servizos públicos no norte de España, un camiño que hoxe segue a percorrer con paso firme Inés Rey»
Foi un goberno socialista, liderado por Francisco Vázquez e con Ramón Núñez como gran impulsor, o que pensou moito máis alá da rendibilidade económica para facer un investimento cunha inmensa rendibilidade social e cultural. Outros elixen en política camiños ben máis prosaicos e ben máis simples. Mais na Coruña camiñamos por outro desde hai moitos anos, polo camiño que converteu a esta cidade en referente cultural e de servizos públicos no norte de España, un camiño que hoxe segue a percorrer con paso firme Inés Rey.
Nin é fácil nin é asequible manter uns servizos culturais como os que ten o Concello da Coruña. Para outras sensibilidades políticas tería sido máis sinxelo non facer nada, mais aquí optouse por outra vía, por traballar o que fixera falta desde o público por facer unha cidade mellor e por dotar de mellores recursos aos cidadáns que nela viven, cidadáns que teñen incorporado ás súas vidas as experiencias vitais que nalgún momento se levaron dos museos científicos. Non foi doado, mais se me ocorren moitas razóns para telo feito. Polo menos seis millóns de boas razóns