Relanzar o Camiño de Santiago
A consolidación de Galicia como destino turístico sustentable e de calidade pode ser un eixo fundamental sobre o que impulsar a recuperación económica que debemos encarar sen demora
A decisión do goberno de Pedro Sánchez de poñer en marcha o Plan Nacional Xacobeo 2021-2022 dotado cun investimento de 121 millóns de euros supón un impulso sen precedentes a un dos activos estratéxicos máis relevantes que ten a nosa comunidade, o Camiño de Santiago. Dende o Xacobeo do 93 que conseguiu situar ao Camiño no mapa da oferta turística española, esta milenaria ruta non recibira un apoio tan relevante por parte de ningunha administración.
A consolidación de Galicia como destino turístico sustentable e de calidade pode ser un eixo fundamental sobre o que impulsar a recuperación económica
O plan aprobado polo Goberno central conta con cinco eixos de actuación que sen dúbida contribuirán a incrementar o atractivo turístico da ruta: o plan de sustentabilidade destinado a mellorar as paisaxes urbanas que atravesa o camiño, o programa de desenvolvemento de produto turístico, o plan de mantemento e rehabilitación de patrimonio histórico, o programa de destinos turísticos intelixentes para apoiar a creación de proxectos colaborativos e o programa de promoción internacional, incluíndo entre as súas actuacións a posta en marcha dun Centro Multimedia Interactivo en Roma.
Estamos diante dunha oportunidade sen precedentes para todas as administracións e entidades públicas e privadas que traballan dende hai anos na mellora do Camiño como produto turístico
Este Plan Xacobeo 2021-2022 está enmarcado no Plan de Modernización e Competitividade do Sector Turístico, un ambicioso proxecto de transformación do sector turístico nacional cara á sustentabilidade ambiental, socioeconómica e territorial, así como tamén cara á dixitalización e a competitividade.
A aposta do Goberno central polo Xacobeo implica a mellora da vertebración e cohesión do noso territorio a través do fío condutor de todos os Camiños de Santiago, a posibilidade de incrementar a sustentabilidade e a competitividade dos destinos que forman parte dos diferentes Camiños de Santiago, incidindo nunha maior calidade da oferta e na diversificación da experiencia turística. Mais tamén supón unha magnífica ocasión para favorecer o fortalecemento do tecido económico e social nos territorios polos que discorren a rutas xacobeas, a través da xeración de postos de traballo ligados aos servizos no Camiño.
Estamos diante dunha oportunidade sen precedentes para todas as administracións e entidades públicas e privadas que traballan dende hai anos na mellora do Camiño como produto turístico, unha excelente ocasión que non debemos desaproveitar con miras curtas ou por puro oportunismo político, xa que a consolidación de Galicia como destino turístico sustentable e de calidade pode ser un eixo fundamental sobre o que impulsar a recuperación económica que debemos encarar sen demora.